Xuño: Non me deixes nunca- Kazuo Ishiguro

Ao longo deste mes de xuño leremos esta novela do escritor nipón-inglés. Por estar dividida en tres partes, penso que o mellor é que vaiamos comentando unha delas por semana. Ata o día 10 leremos dende a páxina 13 ata a 171. Adiántovos que este é un libro que non deixa indiferente; abofé que ten moito que comentar.

Sinopse:

Premio Novela Europea Casino de Santiago 2006

Inglaterra, finais do século XX. No medio da idílica paisaxe campestre, un colexio exclusivo acubilla os seus alumnos, protéxeos do mundo exterior, failles crer que son especiais, auténticos seres escollidos. Mais, por que están realmente alí? Kazuo Ishiguro, autor de The Remains of the Day (O que queda do día), explora nesta novela as posibilidades da ficción a través dun relato que agacha unha verdade terrible. Non me deixes nunca é a historia dun destino inesperado, dun fado arrepiante que pon de relevo a fraxilidade do ser humano fronte a un mundo aparentemente feliz.

Portada da editorial Galaxia

Esta obra de Kazuo Ishiguro ten sido incluída no xénero da ciencia-ficción, mais o seu autor resístese a aceptar esa catalogación, e é que o mundo que crea na novela ben podería ser o noso mundo real, un mundo alternativo posible, e por iso mesmo, arrepiante. Isto é o que leva a algúns sectores da crítica a considerar esta obra como unha distopía (o contrario dunha utopía, o mundo proposto dista moito do ideal) que lle permitiría abordar a Ishiguro un tema moi interesante e polémico que non nomearei nesta sección para non estragarvos a intriga. Sexa como for, o certo é que se trata dun libro que admite múltiples e diversas lecturas, algunhas máis literais, outras máis alegóricas, e que dará lugar, sen dúbida ningunha, a un interesante debate.

Tráiler á película: “Never Let Me Go”(2010)

Kazuo Ishiguro:

Naceu en Nagasaki en 1954, mais a partir dos seis anos viviu en Inglaterra, onde recibiu unha formación académica absolutamente occidental, desde a educación primaria ata os estudos superiores, que cursou na Universidade de Kent. Posteriormente doutorouse en Escritura creativa pola Universidade de East Anglia, onde recibiu unha marcada influencia do novelista Malcolm Bradbury, quen fundara e impartira os devanditos cursos doutorais.Kazuo Ishiguro comezou a darse a coñecer nos círculos literarios do Reino Unido a comezos da década dos oitenta, aínda que previamente xa conseguira que lle publicaran algúns artigos e relatos en varias revistas literarias.En 1982 deu á imprenta a súa primeira narración extensa, unha novela titulada Pálida luz nos outeiros, cuxa acollida foi tan calorosa que recibiu o prestixioso premio “Winifred Holtby”. A súa seguinte novela, Un artista do mundo flotante (1986), fíxose acredora doutro non menos importante galardón, o premio “Whitbread” de Literatura.Con estes dous cartóns de presentación, non resulta estraño que a súa terceira novela, titulada Os restos do día (1989), fora recibida con grandes eloxios por parte da crítica e os lectores ingleses. Esta novela -que reportou ao mozo Ishiguro outro dos galardóns máis anhelados nos cenáculos literarios do Reino Unido, o “Booker Prize”- constitúe unha lúcida e amarga reflexión acerca da vacuidade e esterilidade de tantas vidas humanas, reflectidas na narración dun típico mordomo inglés que, en primeira persoa, vai recordando os distintos pormenores que poboaron a súa experiencia laboral, para acabar constatando como malgastou a súa vida de forma estúpida e -o que é peor- irrecuperable.  Seguir lendo
Advertisements
Publicado en Uncategorized | 2 Comentarios

“O retorno” de Bernhard Schlink

Ao longo do mes de maio estaremos lendo e comentando “O retorno” de Bernhard Schlink.

Ata o 16 de maio comentaremos a 1ª, 2ª e 3ª parte e do 17 ao 31 de maio comentaremos a 4ª e 5ª parte.

Este libro de Bernhard Schlink é o máis longo dos lidos polo de agora neste blogue, é un libro que se lee a pequenos grolos. O retorno de Ulises a Ítaca, o retorno dun soldado alemán ao seu fogar, o retorno agardado dun pai, o retorno do protagonista dunha novela, … O retorno é unha boa historia, capaz de inducirnos a unha reflexión sobre moitos aspectos do ser humano.

 Nos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial existiu un xénero de novelas populares que imaxinaban as diferentes formas do retorno dos soldados do frente ou dos campos de prisioneiros. En “O retorno” cóntasenos a historia de de Peter Debauer, cuxos avós traballan como correctores para unha colección de literatura popular. O rapaz debuxa e fai os deberes no dorso dos folios corrixidos, e un día dá en ler unha das historias. Intrigado, descobre na narración incompleta dun prisioneiro de guerra alemán retido en Siberia, detalles que se relacionan estrañamente coa súa propia vida.

A través dunha voz en primera persona, Schlink  profunda nos conflitos inherentes ao comportamento humano, os totalitarismos e as visións, non sempre morais, do mundo.

Todo “regreso” refírese sempre a dúas accions: a de deixar un lugar  e a de logo volver ao mesmo. Os nosos “Ulises” á volta das súas odiseas, terminan sempre recuperando algo máis do que deixaron atrás, o amor das súas “Penélopes”, o trono dos seus reinos e a experiencia de xa non ser os mesmos so polo feito de animarse a percorrer o difícil camiño de volver a casa.

Ítaca (C. Kavafis)

Cando comeces a túa viaxe a Ítaca 
pide que o camiño sexa longo, 
pleno de aventuras, pleno de experiencias. 
Aos Lestrigóns e aos Cíclopes, 
ao irado Poseidón non temas: 
nunca atoparás criaturas tales na túa ruta 
se mantés o pensamento elevado, se unha 
selecta emoción o teu corpo e espírito ilumina. 
Aos Lestrigóns e aos Cíclopes, 
ao feroz Poseidón non acharás. 
Non, se non é a túa alma a que os alberga; 
non, se non é ela a que chos mostra. 
Pide que o camiño sexa longo. 
Que sexan moitas as mañás de estío 
que –con que pracer e ledicia!- 
te conduzan a portos nunca vistos; 
detente ante os mercados fenicios 
e adquire as mellores mercancías, 
madreperlas, corais, ámbar e ébano, 
e toda sorte de perfumes sensuais, 
tanta variedade deles como atopes; 
vai a moitas cidades de Exipto 
e aprende canto poidas dos seus sabios. 
E leva sempre Ítaca na túa mente. 
ela é a túa meta, o teu destino. 
Mais non apresures nunca a túa viaxe. 
É mellor que dure moitos anos 
e recales na illa sendo vello, 
rico de canto acadaches no camiño, 
sen agardar que Ítaca te enriqueza. 
Ítaca xa che deu tan fermosa viaxe. 
Sen ela, nunca emprenderías o camiño. 
Que máis pode ofrecerche? 
E se a atopas pobre, non é que Ítaca te enganase. 
Sabio como serás e con tanta experiencia 
ben comprenderás o significado das Ítacas.

 *****************************************************

Bernhard Schlink (Bielefeld, 1944) é avogado e un dos actuais escritores alemáns de maior prestixio. A súa carreira como escritor comezou con novelas policiais protagonizadas por un personaxe chamado Selbs (xogo de palabras con Eu Mesmo); a súa primeira novela titulouse Auto-castigo; a seguinte, O nó gordiano, gañou o premio Glauser en 1989. En 1995 publicou O lector (Der Vorleser), novela parcialmente autobiográfica. O libro converteuse nun bestseller en Alemania, foi traducido a 39 idiomas e foi levado ao cine. Os seus seguintes títulos, Amores en fuga e O retorno, confirmaron o seu talento.

Publicado en Uncategorized | 8 Comentarios

Morgana en Esmelle, finalizado

Antes de nada pedir perdón por esquecernos de pór unha data de finalización da lectura. Pasou unha semana e aquí estamos, co libro rematado. Como ides vós? Non vos preocupedes se non acabastes, agardámosvos! Estamos impacientes por saber as vosas opinións e polos vosos comentarios sobre o libro.

Quedaramos a semana pasada no noveno capítulo. Que pasou neste? Sabemos que Viviana non foi quen de vencer para levarse a Artur con ela, pero arestora sabemos que a quen leva consigo é a Morgana, xa que a nena así o decide.

No décimo capítulo volvemos a saber da vida dos nosos personaxes grazas ás palabras de Felipe de Amancia, do malestar que existe na morada de Merlín e Xenebra pola presenza de Morgana.

No décimo primeiro volvemos ao pasado. Pasaron xa anos e Artur vai casar con Xenebra, convidando a Morgana a se reunir con eles. O amor e a ledicia do encontro son indescritibles. Morgana, moi observadora, percátase de que hai miradas agochadas.

O décimo segundo capítulo sorpréndonos. É Merlín quen toma a palabra para confesar que, pese a todo o que el urdiu, ama a Viviana por riba de todo. Recorda os seus tempos mozos, cando descubriu a Viviana feita muller e cando se amaron intensamente. E a súa fuxida dela.

No décimo terceiro capítulo volvemos a Camelot. Os recén casados non amosan a felicidade que se espera nunha parella nese estado. Que é o que acontece? Logo, asistimos a uns acontecementos tan importantes que son os que realmente forxarán o destino das vidas de todos os personaxes.

Estamos xa no décimo cuarto capítulo. Que acontece na casa de Esmelle para que Morgana e Xenebra rexeiten o seu antigo odio e volvan rir xuntas?

No penúltimo capítulo reflexiona Merlín sobre os seus feitos e sobre o que deixou de facer. Imos comprendendo.

Por fin, no último capítulo toma a voz Morgana, a protagonista, a desolada. Resúmenos a súa historia e descobre motivos e razóns, todo aquilo que a fai humana. E gris.

Publicado en Abril-Morgana en Esmelle, Opina, Sobre as lecturas | Etiquetado | 3 Comentarios

Achegándonos a Morgana

Domingo e lendo Morgana en Esmelle. Estavos gustando? Estades intrigad@s arestora coa historia que latexa detrás das primeiras cen páxinas? Que ocorreu entre Morgana e Xenebra? E que acontece con Artur?

Imos procurar información sobre estes personaxes antes de adentrarnos nos comentarios da novela. Se premedes nas ligazóns podedes ampliar os vosos coñecementos na Galipedia.

MORGANA é unha poderosa fada da mitoloxía celta, media irmá do Rei Artur, nai con el de Mordred e discípula de Merlín. É a raíña da illa de Avalon, co poder de curar e mudar de forma.

XENEBRA era a raiña consorte do Rei Artur nas lendas do Ciclo Artúrico. Xenebra é sobre todo coñecida polo seu romance con Lancelot, o principal cabaleiro da Táboa Redonda.

De todos os xeitos, seguramente xa coñeciades todos estes personaxes, ben por outras lecturas ben por moitos dos filmes que teñen feito con este tema.

Volvamos á nosa lectura, facendo un pequeno resumo. O libro é de doada lectura a pesar dos flash-back porque o subtítulo co que comeza cada capítulo indícanos en cada momento onde situarnos.

No primeiro capítulo fala un rapaz, Felipe de Amancia, mozo ao servizo de Merlín, de como coñeceu a Morgana e a chegada desta á morada de Merlín de Xenebra. Informa de que pode contar esta historia porque Merlín… morreu?

O segundo capítulo sitúanos na infancia da nena Morgana e dos acontecementos que lle ocorren aos seus pais. Anúnciase a morte do pai e o embarazo da nai. Meses despois Uther, o inimigo, asegura ser o pai do bebé, quen preñou a Igraine. Merlín vén canda el. Entón Igraine comprende que todo fora un feitizo de Merlín.

No terceiro capítulo é o propio Merlín quen conta a súa historia. De como todo forma parte dunha estratexia ideada por el. Nace Artur.

No cuarto capítulo viaxamos a Ávalon; alí están preocupados polo devir dos acontecementos. Cren que Merlín proxecta quedarse co neno Artur agora que vai cumprir sete anos, e Viviana, mestra, druída maior e irmá de Igraine, decide ir á festa de aniversario do neno para impedir que isto suceda.

No quinto capítulo volve falar Felipe de Amancia no tempo actual, enlazándose co primeiro capítulo. Merlín debe facer unha viaxe e encoméndalle a Felipe que acompañe a recén chegada Morgana en todo momento e que non deixe que esta se achegue a Xenebra. Pero tal encontro si ten lugar e queda patente o odio que existe entre ambas.

No sexto capítulo volvemos ao instante en que Viviana tenta evitar que Merlín se quede con Artur, pero aquel, máis espelido, promete a Artur sona e riqueza e este, máis maduro do esperado, decide que Merlín sexa o seu único mentor, desprezando a Viviana.

Ao final do capítulo descubrimos que entre Merlín e Viviana, agora inimigos, existiu un fondo amor e paixón.

No sétimo e oitavo capítulos toma a palabra Merlín para nos referir a súa historia: un neno que non sabe ben a súa orixe pero que algúns din do demo, que conta historias e ten grande afán por aprender, e que chega a Ávalon na procura de sabedoría e toparase cunha nena, Viviana,que acabará sendo para el o seu grande amor.

Agardamos que vos estea gustando e os vosos comentarios. Quizais a autora tamén poida responder ás vosas posibles dúbidas. Dende aquí imos lanzarlle a primeira: Por que a historia de Morgana? Gústalle especialmente o ciclo artúrico? Que hai detrás desta elección temática?

Publicado en Abril-Morgana en Esmelle, Opina, Sobre as lecturas | Etiquetado | 13 Comentarios

Morgana en Esmelle

Image

Tal como falamos a semana pasada, imos comezar coa lectura de “Morgana en Esmelle”, a noImageva novela de Begoña Caamaño. Se non coñecedes a esta autora case novel, recomendámosvos unha visita por outros lugares nos que falan do seu primeiro libro, “Circe ou o pracer do azul”:

http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2010/05/circe-ou-o-pracer-do-azul.html

http://saedacuncha.wordpress.com/2010/05/15/begonha-caamanho/

http://clubptolomeo.blogspot.com.es/2010_11_01_archive.html

De “Morgana en Esmelle” temos esta recomendación feita por Marga Romero no Faro de Vigo á que podedes acceder premendo aquí. A ficha do libro que nos ofrece a editorial Galaxia tamén pode ser do voso interese.

Se vos prouguer, podemos dividir a lectura en dúas partes de cen páxinas cada unha. Cremos que podemos contar coa colaboración da autora para solucionar calquera dúbida que nos poida xurdir, algo ao que estamos malacostumando aos membros e que é un luxo de gran nivel.

Así pois, para este domingo día 15 podemos comentar a primeira parte, ata a páxina 102. Ata entón, feliz lectura!

Publicado en Abril-Morgana en Esmelle, Sobre as lecturas | Etiquetado | 1 comentario

De vacacións

Ola a tod@s. Sabemos que pode parecer raro dicir que un blogue lector está de vacacións, e realmente non o está. Quen si está é, seguramente, algún lector que queira compartir connosco o noso próximo libro. Que cal vai ser? Pois o recentemente publicado Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño.

Comezaremos a falar del a próxima semana. Se aínda non lestes Engurras estades a tempo, podedes comentar no “post” anterior. E se vos apetece, xa podedes comezar con Morgana. Invitaremos á súa creadora a que estea connosco facéndonos partícipes do seu quefacer.

Así pois, ata a semana que vén.

Publicado en Propostas de lectura e recomendacións | 1 comentario

Arrugas

 

Arrugas é unha novela gráfica de Paco Roca publicada en novembro de 2007 e ganadora do Premio Nacional do Cómic de ese ano. A obra, protagonizada por un anciano con Alzheimer que é internado nunha residencia, vendeu 40.000 exemplares, e adaptouse ao cine a principios de este ano.

 

¿DE QUE VAI?
Descripción da editorial: “A familia de Emilio, un antiguo executivo bancario, intérnao nunha residencia de ancianos tras sufrir unha nova crise de Alzheimer. Alí, aprende a convivir cos seus novos compañeros, cada un co seu cadro “clínico” e un carácter ben distinto, mailos cuidadores que os atenden. Emilio entra nunha rutina diaria de cadencia morosa con horarios prefixados: a toma das menciñas, a sesta, as comidas, a ximnasia, a volta á cama…  e no seu pulso coa enfermidade para intentar mante-la memoria e evitar que o trasladen á última planta,  a dos impedidos, conta coa axuda de Ernesto, o seu compañeiro de habitación… Paco Roca aborda en Arrugas temas delicados,  ata o momento escasamente tratados en historieta, como son o Alzheimer e a demencia senil. E faino dun modo intimista y sensible, con algúns apuntes de humor pero sen caer en ningún momento na caricatura.”

 

NOUTROS IDIOMAS

Arrugas é un cómic producido orixinalmente para Francia, onde se publicou co título de Rides (Delcourt, marzo de 2007). Posteriormente publicouse en España, Italia (co título de Rughe; Tunué, 2008), Países Bajos (Rimpels; Silvester Strips, 2009) e incluso Xapón (2011,  nunha edición conxunta con El Faro).

En España, coincidindo co estreno da película Arrugas nos cines,  editouse tamén en catalán (Arruges, por Astiberri) e galego (por El Patito Editorial) convertíndose así nun dos poquísimos cómics que se levan publicado en España en tres das linguas oficiales do país.

BEST-SELLER

Arrugas é un deses raros casos nos que coinciden éxito de crítica e público, tendo recibido múltiples premios e unha gran acollida comercial. En Francia, a primera edición esgotouse aos pocos meses de sair á venta, pero en España o éxito aínda foi maior. Así, no noso país leva oito edicións, superando os 40.000 exemplares vendidos.

EN PALABRAS DO AUTOR 

“Temos moitos tópicos na cabeza ao falarmos da vellez e non quería caer neles. Así que, durante uns meses,  fun a varias residencias de maiores para ver cómo era a vida nelas. Falei con médicos e con enfermeiros, e a verdade é que, na maioría dos casos, é de admirar a súa paciente dedicación cara a xente maior. Tamén falei con moitos anciáns. Moitos deles falábanme da súa soidade. Prácticamente todo o que aparece en Arrugas son anécdotas reais, sacadas de todas estas conversacións. Nunha das residencias que visitei, presentáronme a unha muller maior pequeniña e encantadora, que iba en cadeira de rodas. Non facía ningún caso ao mundo exterior, tan só miraba sorrindo pola fiestra onde todos os días a colocaban os enfermeiros.

A señora pensaba que viaxaba nun tren infinito. (…) Ver estas cousas faite pensar se a fantasía non é senón unha vía de escape ante una realidade que xa non nos gusta e da que non temos escapatoria posible.” — Paco Roca, entrevistado por Borja Crespo.

ARRUGAS, A PELÍCULA 

A película está dirixida por Ignacio Ferreras e o propio Paco Roca participou na realización do guión cinematográfico (xunto co director, Ángel de la Cruz e Rosanna Cecchini) e encárgase dos diseños dos personajes. A longametraxe, que ten unha duración de 89 minutos,  proxectouse por primeira vez no Festival de Cine de San Sebastián en setembro do 2011, e foi nominada nos Premios Goya nas categorías de Mellor Película de Animación e Mellor Guión Adaptado.

 

O tráiler final pode verse en YouTube: http://www.youtube.com/watch?v=jsoTN3Mjo5Y


Publicado en Uncategorized | 20 Comentarios