Achegándonos a Morgana


Domingo e lendo Morgana en Esmelle. Estavos gustando? Estades intrigad@s arestora coa historia que latexa detrás das primeiras cen páxinas? Que ocorreu entre Morgana e Xenebra? E que acontece con Artur?

Imos procurar información sobre estes personaxes antes de adentrarnos nos comentarios da novela. Se premedes nas ligazóns podedes ampliar os vosos coñecementos na Galipedia.

MORGANA é unha poderosa fada da mitoloxía celta, media irmá do Rei Artur, nai con el de Mordred e discípula de Merlín. É a raíña da illa de Avalon, co poder de curar e mudar de forma.

XENEBRA era a raiña consorte do Rei Artur nas lendas do Ciclo Artúrico. Xenebra é sobre todo coñecida polo seu romance con Lancelot, o principal cabaleiro da Táboa Redonda.

De todos os xeitos, seguramente xa coñeciades todos estes personaxes, ben por outras lecturas ben por moitos dos filmes que teñen feito con este tema.

Volvamos á nosa lectura, facendo un pequeno resumo. O libro é de doada lectura a pesar dos flash-back porque o subtítulo co que comeza cada capítulo indícanos en cada momento onde situarnos.

No primeiro capítulo fala un rapaz, Felipe de Amancia, mozo ao servizo de Merlín, de como coñeceu a Morgana e a chegada desta á morada de Merlín de Xenebra. Informa de que pode contar esta historia porque Merlín… morreu?

O segundo capítulo sitúanos na infancia da nena Morgana e dos acontecementos que lle ocorren aos seus pais. Anúnciase a morte do pai e o embarazo da nai. Meses despois Uther, o inimigo, asegura ser o pai do bebé, quen preñou a Igraine. Merlín vén canda el. Entón Igraine comprende que todo fora un feitizo de Merlín.

No terceiro capítulo é o propio Merlín quen conta a súa historia. De como todo forma parte dunha estratexia ideada por el. Nace Artur.

No cuarto capítulo viaxamos a Ávalon; alí están preocupados polo devir dos acontecementos. Cren que Merlín proxecta quedarse co neno Artur agora que vai cumprir sete anos, e Viviana, mestra, druída maior e irmá de Igraine, decide ir á festa de aniversario do neno para impedir que isto suceda.

No quinto capítulo volve falar Felipe de Amancia no tempo actual, enlazándose co primeiro capítulo. Merlín debe facer unha viaxe e encoméndalle a Felipe que acompañe a recén chegada Morgana en todo momento e que non deixe que esta se achegue a Xenebra. Pero tal encontro si ten lugar e queda patente o odio que existe entre ambas.

No sexto capítulo volvemos ao instante en que Viviana tenta evitar que Merlín se quede con Artur, pero aquel, máis espelido, promete a Artur sona e riqueza e este, máis maduro do esperado, decide que Merlín sexa o seu único mentor, desprezando a Viviana.

Ao final do capítulo descubrimos que entre Merlín e Viviana, agora inimigos, existiu un fondo amor e paixón.

No sétimo e oitavo capítulos toma a palabra Merlín para nos referir a súa historia: un neno que non sabe ben a súa orixe pero que algúns din do demo, que conta historias e ten grande afán por aprender, e que chega a Ávalon na procura de sabedoría e toparase cunha nena, Viviana,que acabará sendo para el o seu grande amor.

Agardamos que vos estea gustando e os vosos comentarios. Quizais a autora tamén poida responder ás vosas posibles dúbidas. Dende aquí imos lanzarlle a primeira: Por que a historia de Morgana? Gústalle especialmente o ciclo artúrico? Que hai detrás desta elección temática?

Advertisements

About falemosdelecturas

Contáctanos en falemosdelecturas@gmail.com
Estas entrada foi publicada en Abril-Morgana en Esmelle, Opina, Sobre as lecturas coas etiquetas . Ligazón permanente.

13 Responses to Achegándonos a Morgana

  1. Rosa di:

    Ola a todas e todos! Esta vai ser a miña primeira intervención neste blogue así que, en primeiro lugar, quixera felicitarvos pola iniciativa. Souben del por Gracia e por iso quixen aproveitar esta oportunidade de compartir a lectura convosco e mais espero que coa propia autora, porque esta circunstancia motiva unha lectura diferente xa a priori que me estimula moito.
    Pois ben, é o primeiro libro que leo de Begoña Caamaño. Do anterior só escoitei fragmentos no Diario Cultural que me serviron para saber do seu interese polos mitos clásicos, en particular pola súa reescritura desde unha perspectiva feminina, o que vexo que se mantén nesta ocasión.
    O primeiro que me sorprendeu destes páxinas é a fluidez con que transcorren; tal vez por asociala cos clásicos, prexulgaba eu que o estilo sería máis requintado, recreándose na linguaxe e demorando a acción e non teño para nada esa sensación. Paréceme un acerto, neste sentido, a combinación de distintos puntos de vista, distintos tempos e distintos estilos narrativos.
    Por outra parte, non é para min a temática da materia de Bretaña algo que me interese particularmente. O coñecemento que teño dela débese ao cine ou a recreacións da literatura galega que me veñen agora á mente como Na noite estrelecida de Cabanillas, Galvón en Saor de D. X. Cabana, o Merlín de Cunqueiro, claro, e o fermosísimo Amor de Artur de Ferrín. Pero este libro está conseguindo que me picase o bicho da curiosidade porque, ao mesmo tempo que me permite establecer relacións -e marcar diferenzas- con outras lecturas, algo que me estimula especialmente, teño o aquel de querer saber que se me vai contar que nunca se contou; é algo así como se fose unha especie de morbo por estar furando na intimidade dos mitos, ao tempo que accedo a “outras verdades”. Esta fabulación estame enganchando porque ademais vexo que a través dela se nos vai falar do presente, aínda que de momento non saiba ben de que.
    A tensión entre Morgana e Xenebra é moi interesante; gústame a revisitación a Felipe de Amancia e atráeme particularmente a figura de Viviana. O capítulo que menos me interesou foi o sétimo, no que Merlín conta con certa demora a súa historia, sooume un pouco a historia sabida (aínda que non sexa certo en realidade), pero o interese renovouse no capítulo seguinte pola forza e frescura que consegue transmitir a figura da Viviana, nena primeiro e moza despois, que me parece fantasticamente recollida na frase final: “Así era Viviana, e foi nesa irreverencia que me asustaba que eu a amei”.
    Pois ben, agardo que nos próximos capítulos se manteña o gozo do xogo literario e se vaia desvelando máis sobre algunha das parcelas de reflexión que se mencionan na contraportada.
    Un saúdo para todas e todos!!

    • Anxo di:

      Benvida Rosa aos comentarios deste blogue, agardo que disfrutemos compartindo lecturas, vexo que empezas con ganas 😉
      Saúdos
      Anxo

  2. maribegonha di:

    RESPOSTAS DE BEGOÑA CAAMAÑO ÁS PREGUNTAS SUXERIDAS.

    Antes de todo, darvos as grazas por me leres, por me dedicares o voso tempo, a vosa atención e a vosa intelixencia; por me permitires entrar neste Esmelle máxico de letras e lecturas.
    De segundas, pedir perdón. Son bastante torpe nos foros e nos blogues e non sei se estou metendo esta resposta no lugar correcto( de non ser así pido a alguén com maior pericia que copie e pegue no espazo acaído).

    POR QUE A hISTORIA DE MORGANA?
    Quen me “padeceu” falando da miña anterior novela sabe xa do meu interese polos clásicos. Non só polo feito de eu gostar particularmente deles, senon porque penso que é na cultura clásica e nas diferentes tradicións literarias das que bebemos e nos nutirmos de onde xorden os esteiotipos, os lugares comúns, as bases que logo sentan o canón na nosa cultura e na nosa sociedade. De aí o meu firme convencimento da necesidade de revisitalos, revisalos, deconstruilos, trasgredilos e actualizalos. Non pretende ser nóvela histórica, en absoluto. Ao contrario, tento valaerme das historias que están no noso imaxinario colectivo para reflexionar sobre o mundo real e actual.
    A isto hai que engadir o meu obvio e empecinado interese, como ben sinalou rosa no seu comentario, en achegarme ás figuras femininas cláscias dende unha perspectiva de xénero; en tentar imaxinar a voz, os pensamentos e os sentimentos das personaxes ás que lle foron negadas a expresión e o protagonismo, ou que só foron retratadas dende o imaxinario do másculino.

    Se en Circe ou o pracer do azul cometín a ousadía de interpelar a Homero e a unha das maiores creacións universais da literatura e da cultura occidental: Ulises; en Morgana tendo achegarme un pouquiño máis ao que é de nó. A materia de Bretaña é fundamental para a concepción da Europa Atlántica e, ademais, entronca coa tradición literaria galega que igualemnte sinalaba Rosa ( Ferrín, Dario Xohan Cabana..e, coma non, Cunqueiro) Foi dende o grande respecto aos autores de nós, ás súas reinterpretacións do mito, e sobre todo á audacia de Cunqueiro de traer a Merlín ata Galiza onde achei a porta aberta para coarme coas miñas refelxións.

    pero eu non creo en historias dunah única verdade, nen en relatos de bos e malos (nin de boas e malos). Melín e Viviana discuten sobre un tema para min de grande actualidade: o noso xeito de procurar o mundo que arelamos; o lícito e o lícito na loita polas nosas xustas aspiracións, os limtes que debemos ou non traspasar en nome dun ben maior..e sobre as consecuencias dunah e outra postura. Mil veces fun Merlín e outras mil mantiven a miña coherencia como Viviana! O posibilismo ou o idealismo? Cambair o sistema dende dentro ou permanecer na pureza, sen contaminarnos? Non son para min preguntas de resposta doada nin de rápida contestación. Cada momento, cada circunstancia, cada contexto, esixe de nós que nos posicionemos nun ou noutro sentido. Recoñezo que para min non ´ñe fácil saber cal é o correcto. Ou cando debo renunciar mesmo aos meus propios desexos e ideias para preservar o que amo, para consguir algo que se achegue un pouquiño máis ao que concibo como xusto, igualitario ou ético.

    e desas refelxións e das súas posteriores decisións: as consecuencias. Sempre, por riba de todo. Sermos consciente de que nunca somos inocentes en termos absolutos, que mesmo o acto máis ben intencionado pdoe crear danos. Non se trata dunah culpa cristiá, de carrexar ao lombo un rosario de “pecados”, mais si da ética e sobre todo, de non pretender salvarnos na ignorancia. Se nalgo cifrei os meus esforzos nesta segunda novela ( a maiores de exercicios de estilo e do meu compromiso profundo coa miña lingua, cultrua e identidade) foi no combate voraz contra a impunidade, porque se hai algo ao que lle teño máis medo que ao abuso de poder, é ao poder de abusar. Por iso estou convencida que, sen caermos no martirio e sen ter que estar constantemte autoflaxelándonos, debemos ser conscientes de todos e cada un dos danos que causamos (por pequenos e necesarios que estes sexan), só así poderemos enteder a dor das vítimas. Só así é que evitaremos o risco de nos converter en pequen2s mostr@s tiránicos.

    Máis nada por hoxe, que menudo rollo vos levo soltado. Madialeva!
    De novo grazas
    Apertas.
    Begoña Caamaño

  3. Rosa di:

    Ola, Begoña! É un pracer poder contar contigo. Casualmente, nesta semana na Páxina de narrativa do Diario Cultural tamén están con esta novela, así que hoxe xantei escoitando da túa voz un fragmento do primeiro capítulo :-))
    E como estás aí, pois quero aproveitar e facerche unha nova pregunta: falas da importancia dos clásicos na configuración de estereotipos e lugares comúns; a que estereotipos pensas que contribuíron figuras como as de Artur, Merlín, Xenebra ou Morgana? E sobre Viviana, por cinguirme ao que lemos de momento, é un personaxe existente no ciclo artúrico? A min non me soaba de nada, pero xa dixen que tampouco é que saiba moito desta temática, polo menos non máis de catro “lugares comúns”, mira ti a ironía…

  4. begoenlila di:

    algo fixen mal, perdoade. hai un par de horas que escribin unha resposta e non a vexo!!! alguén sabe como recuperar textos?

    • Anxo di:

      Ola Begoña (Begoenlila), busquei a resposta no blogue, pero non aparecen máis comentarios aparte dos que están colgados no blogue, o sinto, non sei que pasaría pero ao blogue non chegou ;-(
      Grazas por participar neste blogue.
      Saúdos
      Anxo

  5. begoenlila di:

    Ola de novo. E de novo, tamén, as grazas por me lerdes.
    Onte tentei respostar a Rosa, pero como son unha lerda nesto do mundo virtual acho que se perdeu o meu comentario. Tentarei reporducilo agora, aínda que de xeito máis breve.
    Si, Rosa, Viviana é un personaxe real do ciclo. Segundo as versións e os autores ela pode ser a nai de Lancelote, a dama do lago, a gardía de Excalibur, a amante de Merlín, a poderosa feiticeira de Ávalon.
    Canto a contribución das figuras do ciclo a creación de estereotipos, eu penso ( e que me disulpen as e os historiadoras) na súa importancia á hora de configurar un novo imaginario colectivo despois da caida do imperio romano. As lexións de roma trouxeronnos como legado toda a cultura clásica, pero tamén a concepción dunha nova orde, un poder coordenado baixo un só mando, unha nova forma de entender a política, a economía, as relacións militares, a vertebración social. Antes deles non existían xa non os estados, nin siquera os reinos nen os dominios feudais. As culturas “orixinarias?” organizabanse en tribos, clans, grupos, cunhas relacións entre elas máis basedas na cotidianidade que nas “miras de futuro”. A caida do imperio liberou da opresión dominadora, pero deixou tamén un oco enorme que Escher: como se había de estructurar o mundo novo? Agora sabían que os seus vellos axiomas non valían. Eran vulnerables. Non podían vivie co medo ao advenimento doutro gran poder vertebrado e dominador. Entendo que deberon comezar a procura de alianzas, pactos e modelos que lles permitisen, salvagardando as súas identidades, tecer alianzas novas e crear novasregras de xogo. É aí onde, ao meu ver, o cristianismo vai xogar un papel fundamental: unah fe, unah ideoloxia nova que se expande por todo o continete e que pode servir de elemento vertebrador. Pero como conseguir converter a toda unha población multicultural e multiteista á nova fe? Aí achamos a Merlín e Viviana. Eles encarna o debate que se debeu dar na Europa atlántica. Dun lado ás velals crenzas (Viviana, Avalon..) doutro os impulsores da nova orde (merlín). Máis unah vez é unha Muller, Viviana, a elixida para representar o antigo, o ancestral, a terra, a superstición; e un Home, Merlín, como representante do novo pensamento, da razón, do futuro. Merlín ten que vencer a Viviana para que no imaginario popular as vellas crenzas acepten, sen grandes desastres, sucumbir ante as novas. Eles son os ideólgos; Artur e Morgana os seus brazos ejecutores, os seus instrumentos no combate. A importancia de que Artur, o rei soñado, o caudillo agardado aquel que ía recuperar a gloria das nacións celtas abrace o cristianismo non é baladí. Con el se convertirá todo o pobo. No meu libro tentei darlle unah volta a ese debate. Non tan centrado nos contados contextuais, que me serven de pano de fondo, como para abrir unha reflexión plural canto á ética que debe conducir cada proposta e o xeito de defendela. Vale todo para acadar un obxectivo que nos parece sublime ou, cando menos imprescindible? Temos dereito a non facer ningunha concesión ás nosas razóns malia saber os riscos que corremos? Onde achar o equilibro xusto e digno entre posibilismo e idealismo?.
    En fin…prometín non botar un rollo e xa estou divagando demáis. As despostas a esas preguntas son vosas, non miñas. E usó tentei presentar os interrogantes dexeito atractivo e atinado. Tamén a ovoso sabio xuizo queda saber se o conseguín. Máis nada por hoxe.
    Pode que estea un par de días desaparecida do foro, pero prometo volver a me sentar ante as vosas dúbidas e refelxións.
    De novo mil grazas por me ler.
    Apertas.
    Begoña

  6. Fernando di:

    Achegándonos a Morgana si. E descubrindo novas caras do mito artúrico que me chocan porque nunca imaxinara a Merlín perdidamente namorado. Tampouco imaxinaba a vida en Avalon así como nola relata Begoña, resulta fascinante atoparse aquí cun Merlín tan preadolescente rompendo a imaxe que sempre tiven del na cabeza. E ese reencontro entre Viviana e Merlín tan íntimo…tan desafiante, deixando falar ó amor agora perdido.
    De Morgana aínda non teño unha opinión formada (vou polo capítulo 10) Pero xa falaremos dela.

  7. Ola a tod@s con moito retraso. Demorei a resposta toda a semana a pesar de ter lido as cen páxina para o domingo pasado… cousas do estrés diario!
    A min estame gustando o libro, aínda que recoñezo que non son obxectiva: iso é o malo de terlle aprezo á autora! Pero creo que aínda que isto non sucedes, gustaríame igualmente. Estou desexando saber que aconteceu nesas vidas para que haxa tanto odio entre as mulleres e que fixo Merlín… Pásame como a Rosa, non coñezo nada deste tema agás polos moitos e semellantes filmes que vin de pequena… Non había moito máis que ver, non si? Tarzán, westerns e pelis da Táboa redonda. Creo que me ronda pola cabeza unha película non tan vella con Sean Connery como Artur, pero non estou certa.
    Logo, algo de literatura galega, e nada máis.
    Así que para min é case este un mundo novo que me está interesando. Pasoume co primeiro libro de Begonha, unha revisión que ben me cumpría para actualizar coñecementos. Non sabía da existencia de Viviana, coido que nunca a vin por ningures.
    Así que de momento, con ganas de seguir.
    Grazas Begoña por estares aquí.
    Grazas a Rosa e a Fernando por incorporarvos ao club.

  8. begoenlila di:

    Olá! neste domingo preguiceiro, e aínda que non sei ben se procede, déixovos o link coa crítica (máis que xenerosa) que Ramón Nicolás publicou onte en “la Voz” de Morgana en Esmelle.
    http://cadernodacritica.blogaliza.org/2012/04/22/morgana-en-esmelle-de-begona-caamano/

    Beixiños

  9. Anxo di:

    Ola Rosa, Begoenlila, Fernando e Gracia, levo lido ata a páxina 101 e polo de agora é un libro que me está gustando, chamoume a atención que se incluiran algún emprazamento galego (como Armenteira). Gustame como está estructurado o libro, o feito de que varias persoas vaian contando a súa visión. Tamén me gusta o tipo de linguaxe que se emprega, trasládame á idade media 😉
    O capítulo que máis me gustou polo de agora foi o que vai das páxinas 49 a 63 (6º).
    A lectura me fixo pensar onde estará Ávalon na actualidade, non fisicamente/xeográficamente senón como lugar para aprender dese xeito, com lugar a onde ir buscando o Coñecemento. Por certo, na vila onde vivo hai unha academía que se chama AVALON.
    Pareceume moi dura a cita do inicio do libro de Florbela Espanca “Lutar pela felicidade nào vale a pena: somos todos de antemào os vencidos”. Vexo a realidade e a vida bastante complicada, pero a miña visión non é tan pesimista.
    Saúdos

  10. Fernando di:

    Nalgún lugar da miña casa debe andar unha novela do xénero que nos propón Begonha e que me recomendou hai un monte de anos Mario Pereira (de Lalín) chamada “AS BRUMAS DE AVALON” (da autora non me lembro) Ó mellor alguén me pode dicir se paga a pena rescatala porque agora, despois de rematar con Morgana en Esmelle entroume apetito por ler máis deste tema.
    Begonha fíxome repensar nos mitos atlánticos a través das dúas mulleres que toman as grandes decisións: Viviana e Morgana fronte ao que se nos tiña contado das grandezas do señor Merlin e do rei Atur. A min case me deu algo de pena este Merlín conspirador e calculador que logo anda medio atormentado pola presencia de Morgana na casa lidando coa señora Xenebra e os de Miranda tan descolocados diante de semellante relación.
    Tampouco sabemos que pasaría se os católicos non conseguisen chegar tan alá e triunfara a sabiduría de Avalon. Non sei se a cultura celta lle viu ben ou mal misturarse coa católica, o que si está claro é que o poder chama a poder e que estando Galicia tan cerca por mar, mágoa que non nos quedase máis pegada aínda desa cultura.
    Creo que me ensarillei un pouco, pero grazas Begoña por facerme soñar cos clásicos e facerme reflexionar así en voz alta sobre isto.
    Grazas tamén ós creadores de falemos de lecturas.

  11. begoenlila di:

    Ola Fernando. Alégrame que gostases de Morgana. E moito máis me alegra ter contribuido a “espertar” ese apetito polos mitos atlánticos!!

    O libro do que falas, creo, é a triloxía “as néboas de Avalon” , escrita no 1982 pola estadounidense Zimmer Bradley (houbo logo unha adpatación ao cinema: “Las brumas de Avalon”, moito máis convencional que o libro). Son das que penso que ler sempre paga a pena, así que non hei ser eu quen che diga que non te mergulles nesa versión que tivo, entre outros moitos méritos, o de ser dos primeiros intentos serios en reivindicar ás mulleres da amteria de Bretaña. No entanto, e dado o meu “vicio” polas fontes documentais, eu recomendaríache ir aos textos do S.XII: Geoffrey de Monmouth e Chretien de Troyes; dar logo un chimpo ata a fermosísisma “morte de Arturo” de Thomas Mallory (S.XV), para chegar ao se´cuilo XIX da man de Tennyson. A partir de aí o abano é infinito: dende Marck Twain ata Walt Disney (he, he). Por supostísimo, os nosos: Cunqueiro, Ferrín, Dario Xoham Cabana.

    Tampouco sei eu como sería Europa sen o cristianismo (algo ben diferente, abofé, para ben e para mal) e non son defensora das culturais ancestrais; interésanme máis os debates que nos, hoxe en día, poidamos dar, e todo aquilo que poidamos construir.

    Aproveito este correo para vos pedir perdón pola miña contumaz dislexia ( xa vos decatariades de como as letras se negan a seguir unha orde lóxica nas palabras), e máis unha vez para vos agradecer a escolla de “morgana” como lectura e as vosas reflexións.
    Unha aperta
    begoña caamaño

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s