Morgana en Esmelle, finalizado


Antes de nada pedir perdón por esquecernos de pór unha data de finalización da lectura. Pasou unha semana e aquí estamos, co libro rematado. Como ides vós? Non vos preocupedes se non acabastes, agardámosvos! Estamos impacientes por saber as vosas opinións e polos vosos comentarios sobre o libro.

Quedaramos a semana pasada no noveno capítulo. Que pasou neste? Sabemos que Viviana non foi quen de vencer para levarse a Artur con ela, pero arestora sabemos que a quen leva consigo é a Morgana, xa que a nena así o decide.

No décimo capítulo volvemos a saber da vida dos nosos personaxes grazas ás palabras de Felipe de Amancia, do malestar que existe na morada de Merlín e Xenebra pola presenza de Morgana.

No décimo primeiro volvemos ao pasado. Pasaron xa anos e Artur vai casar con Xenebra, convidando a Morgana a se reunir con eles. O amor e a ledicia do encontro son indescritibles. Morgana, moi observadora, percátase de que hai miradas agochadas.

O décimo segundo capítulo sorpréndonos. É Merlín quen toma a palabra para confesar que, pese a todo o que el urdiu, ama a Viviana por riba de todo. Recorda os seus tempos mozos, cando descubriu a Viviana feita muller e cando se amaron intensamente. E a súa fuxida dela.

No décimo terceiro capítulo volvemos a Camelot. Os recén casados non amosan a felicidade que se espera nunha parella nese estado. Que é o que acontece? Logo, asistimos a uns acontecementos tan importantes que son os que realmente forxarán o destino das vidas de todos os personaxes.

Estamos xa no décimo cuarto capítulo. Que acontece na casa de Esmelle para que Morgana e Xenebra rexeiten o seu antigo odio e volvan rir xuntas?

No penúltimo capítulo reflexiona Merlín sobre os seus feitos e sobre o que deixou de facer. Imos comprendendo.

Por fin, no último capítulo toma a voz Morgana, a protagonista, a desolada. Resúmenos a súa historia e descobre motivos e razóns, todo aquilo que a fai humana. E gris.

Advertisements

About falemosdelecturas

Contáctanos en falemosdelecturas@gmail.com
Estas entrada foi publicada en Abril-Morgana en Esmelle, Opina, Sobre as lecturas coas etiquetas . Ligazón permanente.

3 Responses to Morgana en Esmelle, finalizado

  1. Anxo di:

    Ola, estou lendo o capítulo décimo primeiro, onde van casar Artur e Xenebra.
    Gustoume especialmente o capítulo noveno, por introducir prantexamentos máis ou menos filosóficos na discusión entre Merlín e Viviana.
    Co capítulo décimo quedei algo descolocado, pois rematou o noveno índose Morgana para Ávalon e no seguinte apareceu a tensión entre Morgana, Xenebra e Merlín en Esmelle, por certo, ese capítulo é o que lle da nome ao libro.
    Saúdos
    Anxo

  2. Anxo di:

    Ola, detalles que me gustaron:
    – Na páxina 74 “a maxia de contar reside niso: en crear a ilusión capaz de facernos sentir como certo aquilo que sabemos irreal.”
    – Na páxina 90 cando explica o cambio de nome de Myrdhin a Merlin
    – O xeito de explicar a soidade de Merlín ao final da páxina 154
    – O prantexamento de Morgana respecto a apariencia exterior(vestidos, xoias,…) (+- pax. 136).
    – Os fragmetos con moitos puntos seguidos (páxinas 163 e 165)

    No duelo entre Artur e Morgana arredor da páxina 143 pensei que ía ser de gabear polas árbores en vez de carreira a cabalo, desta me gustou que non houbera ou non se soubo quen fora o ganador.

    No libro mencionase Beltaine (páxina 142), buscando na rede atopei este enlace http://es.wikipedia.org/wiki/Beltane

    Gusotume moito o relato final “Da voz de Morgana”, encantoume!, pareceume que relataba moi ben as emocións e que tiña moita forza, incluso podería ter vida propia fora do libro.
    As últimas palabras de Morgana, e do libro”Que máis ten? Todas elas paixases desoladas” levoume ao inicio do libro, á cita de Florbela Espanca “Lutar pela felicidade nào vale a pena: somos todos de antemào os vencidos.
    Saúdos

  3. Rosa di:

    Ola!
    Pois xa vai case alá unha semana que rematei con Morgana e aínda remoio boa parte dos seus contidos. Iso, desde logo, é un bo sinal.
    O caso é que nesta segunda parte da lectura a narración non cumpriu as miñas expectativas e dígoo como un elemento moi positivo porque eu ía esperando cousas e non sucedían, ía tratando de perfilar os personaxes -de simplificalos, seguramente- e zas! daban unha reviravolta que me deixaban pensando ai, mira este! E claro, a min, igual que aos compañeiros, tamén me chamou a atención ese Merlín ansioso, expectante, contraditorio, ferido pola ausencia de Viviana, incapaz de dominar as súas emocións, el que trata de controlalo todo, ese Merlín máis humano. E despois a reflexión sobre a súa soberbia e a súa responsabilidade…
    Nun libro que se titula Morgana en Esmelle, que comezo coa idea de que se lle vai dar voz ás mulleres nesta historia e resulta que boa parte das páxinas as ocupa Merlín (e que Merlín!) e, ademais, Morgana “case” non está ata o final… Xa dicía meu padriño que as cousas non che son como parecen -nin as persoas, moitas veces. Quero dicir con isto que me parece que Begoña logrou nesta novela con moito éxito fuxir das simplificacións e prexuízos e iso agrádame moito.
    Se esta sorpresa de Merlín foi estimulante, non menos suxerente me pareceu o feito de que Morgana e Xenebra solucionen o seu conflito entre elas dúas, sendo capaces de ver o que as uniu e enfrontou liberadas do dominio masculino, neste caso de Merlín, que forma máis parte do conflito que da solución, ao contrario do que puidese parecer inicialmente.
    E, por fin, chega Morgana: río soterrado que flúe ao longo de toda a historia e que emerxe con fresca e dolorosa contundencia ao final, saíndo á superficie para enchoupalo todo, incluída ela mesma…gris, como dicía Gracia. Canto me gustou o estilo deste último capítulo, pero canta desolación!! Acaso a consciencia da responsabilidade só pode conducir á culpa? Talvez, pero iso sería abocarnos irremediablemente á desolación e eu non quixera ceder a ela, nin sequera nos tempos que vivimos, porque iso sería paralizante.
    Grazas Begoña por esta lectura, por escribila e por estar aí para compartila. Para a próxima lereite esperando que, novamente, raches coas miñas expectativas!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s