Manuel Veiga Taboada


 Manuel Veiga Taboada, xornalista e escritor, naceu en Monforte de Lemos en 1960. É fillo de mestres rurais, viviu até os doce anos entre Diomondi (O Saviñao) e a vila de Monforte. Realizou o bacharelato en Monforte e aos 17 anos marchou para Madrid, onde residiu entre 1977 e 1983. Licenciouse en Ciencias da Información e mais en Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense. En 1983 incorporouse á redacción do semanario A Nosa Terra, do que foi director uns anos. En 2001 doutorouse en Ciencias Políticas e Socioloxía na UNED, cunha tese titulada “La construcción social de la realidad regional gallega a través de la prensa. El caso de Faro de Vigo (1898-1923)”. Desde 1983 reside en Vigo.

     En 1998 publicou, na editorial Galaxia, a súa primeira novela, As ruínas da cidade amada, na que deixa ver un estilo conciso e de trazos impresionistas. A narración retrata o choque entre o orgullo de tempos pasados e o devalar do presente, nunha vila de relevante pasado histórico. A obra causou certa polémica en Monforte, onde varios dos seus personaxes foron relacionados con figuras locais.
     En 2001 deu a coñecer, en Espiral Maior, o libro de relatos Biografías de malogrados. Trátase de dez pequenas historias cun fío condutor común: o cuestionamento do éxito e dunha sociedade que só acepta os gañadores. Escritos con gran precisión —é difícil atopar nestes relatos palabras ou contidos sobrantes— deixan ver tamén unha importante crueza na análise das personaxes.
     En 2004, Manuel Veiga recibiu o premio Xerais pola novela O exiliado e a primavera. A obra sitúase temporalmente no período final do franquismo, arredor do ano 1974, e conta a historia dun exiliado, Alexandre Marrube, que regresa, cun permiso de tres meses á súa cidade natal, para acudir ao enterro da súa nai. A través do encontro cos familiares (xentes adaptadas ao réxime, un mozo antifranquista, etc…) e das súas vivencias persoais, o exiliado reflexiona sobre a sociedade coa que se atopa, Grazas a unha prosa diáfana, pero moi rica en contidos, consegue unha rápida comunicación co lector.

    En 2006 o autor recibiu o premio Manuel García Barros pola novela Lois e Helena buscándose un día de tormenta, editada por Galaxia. Obra que estamos a comentar neste blogue.

     En 2008 publica en Xerais O profesor de vegliota. É, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita

     No eido do ensaio, Manuel Veiga publicou en 2003, na editorial A Nosa Terra, a obra O pacto galego na construcción de España, no que analiza as relacións entre Galiza e o Estado español no período da Restauración, en ámbitos como os gobernos e ministros da época, a emigración, o caciquismo, a propiedade da terra, a lingua, a imaxe exterior dos galegos, etc. Unha ilustrativa síntese que, segundo o catedrático Fermín Bouza, “segue a ser o punto de partida da Galiza real de hoxe”. Tamén é autor de varios traballos relacionados coa historia política e coa literatura, publicados en diversas revistas especializadas.

Advertisements

About falemosdelecturas

Contáctanos en falemosdelecturas@gmail.com
Estas entrada foi publicada en Manuel Veiga, Sobre os autores coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s