Lois e Helena buscándose un día de tormenta

Estaremos comentando este libro do 1 ao 25 de marzo. Do 1 ao 12 comentaremos a 1ª parte, Lois, e do 13 ao 25 a parte de Helena, o final e o libro no seu conxunto.

Esta obra que recibiu o premio García Barros e foi editada por Galaxia, retrata o gran baleiro social e persoal no que viven algunas parellas de clase media, así como a incomprensión do mundo que as rodea.

Manuel Veiga resume así o seu libro “transcorre nun día nunha cidade que é un trasunto de Vigo. Lois e Helena son un matrimonio de mediana idade, cun certo nivel de vida pero que sinten un baleiro. El esperta e ve que ela marchou coas súas cousas. Búscaa e pensa no que a puido levar a marchar. A segunda parte é a viaxe a través da cidade dende o punto de vista dela. Ocórrelle a moitas parellas, que levan máis de 20 anos e un día rompen sen saber saber por qué. A miúdo non entendemos ben as relacións nas que estamos inmersos.. O terceiro personaxe é Vigo, que ten vida propia. En canto ao meu xeito de escribir, trato de facelo de maneira moi concisa. Cunha metáfora, busco que teña o maior número de proteínas e o menor de graxa”.

O escritor Francisco Castro comentou “Un libro moi ben escrito, cun narrador distante, irónico, intelixente, que nos vai levando pola man nunha historia, en apariencia sinxela ( unha muller que abandona ao seu esposo ) por unha cidade – Oliveira – e, sobre todo, por dous corazóns, o de Lois e o de Helena, sen soltarnos en instante ningún. Lese sen respirar. Gozando de cada parágrafo e da profunda ollada narradora de Manuel Veiga.”

Léde o libro e comentade, gustaravos

Advertisements
Publicado en Lois e Helena buscándose ..., Sobre as lecturas | 6 Comentarios

Manuel Veiga Taboada

 Manuel Veiga Taboada, xornalista e escritor, naceu en Monforte de Lemos en 1960. É fillo de mestres rurais, viviu até os doce anos entre Diomondi (O Saviñao) e a vila de Monforte. Realizou o bacharelato en Monforte e aos 17 anos marchou para Madrid, onde residiu entre 1977 e 1983. Licenciouse en Ciencias da Información e mais en Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense. En 1983 incorporouse á redacción do semanario A Nosa Terra, do que foi director uns anos. En 2001 doutorouse en Ciencias Políticas e Socioloxía na UNED, cunha tese titulada “La construcción social de la realidad regional gallega a través de la prensa. El caso de Faro de Vigo (1898-1923)”. Desde 1983 reside en Vigo.

     En 1998 publicou, na editorial Galaxia, a súa primeira novela, As ruínas da cidade amada, na que deixa ver un estilo conciso e de trazos impresionistas. A narración retrata o choque entre o orgullo de tempos pasados e o devalar do presente, nunha vila de relevante pasado histórico. A obra causou certa polémica en Monforte, onde varios dos seus personaxes foron relacionados con figuras locais.
     En 2001 deu a coñecer, en Espiral Maior, o libro de relatos Biografías de malogrados. Trátase de dez pequenas historias cun fío condutor común: o cuestionamento do éxito e dunha sociedade que só acepta os gañadores. Escritos con gran precisión —é difícil atopar nestes relatos palabras ou contidos sobrantes— deixan ver tamén unha importante crueza na análise das personaxes.
     En 2004, Manuel Veiga recibiu o premio Xerais pola novela O exiliado e a primavera. A obra sitúase temporalmente no período final do franquismo, arredor do ano 1974, e conta a historia dun exiliado, Alexandre Marrube, que regresa, cun permiso de tres meses á súa cidade natal, para acudir ao enterro da súa nai. A través do encontro cos familiares (xentes adaptadas ao réxime, un mozo antifranquista, etc…) e das súas vivencias persoais, o exiliado reflexiona sobre a sociedade coa que se atopa, Grazas a unha prosa diáfana, pero moi rica en contidos, consegue unha rápida comunicación co lector.

    En 2006 o autor recibiu o premio Manuel García Barros pola novela Lois e Helena buscándose un día de tormenta, editada por Galaxia. Obra que estamos a comentar neste blogue.

     En 2008 publica en Xerais O profesor de vegliota. É, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita

     No eido do ensaio, Manuel Veiga publicou en 2003, na editorial A Nosa Terra, a obra O pacto galego na construcción de España, no que analiza as relacións entre Galiza e o Estado español no período da Restauración, en ámbitos como os gobernos e ministros da época, a emigración, o caciquismo, a propiedade da terra, a lingua, a imaxe exterior dos galegos, etc. Unha ilustrativa síntese que, segundo o catedrático Fermín Bouza, “segue a ser o punto de partida da Galiza real de hoxe”. Tamén é autor de varios traballos relacionados coa historia política e coa literatura, publicados en diversas revistas especializadas.

Publicado en Manuel Veiga, Sobre os autores | Etiquetado , | Deixar un comentario

A piragua. Primeiras interrogantes: Por que ler un libro de teatro.

1º.- Despois de levar lido varias novelas, como afrontarmos a lectura dun texto teatral: onde carallo vai o narrador?

2º.- Gozan do mesmo grado de ficción os personaxes dunha novela e dun texto teatral?

3º.- Como e onde demos vemos a man dun autor teatral fronte a da un autor de novelas? Propoño facer unha comparación entre as lecturas realizadas de Paul Auster, Fran Alonso, Philippe Claudel e Cándido Pazó

4º.- Como interpretar un problema sempre difícil de solucionar en teatro: o tempo interno.

5º.- Por último, como puñetas comentar unha peza de teatro sen ver a súa posta en escena?

 

 Sobre A Piragua

 Candido Pazó escribiu esta obra en 2006 como encargo do Centro Dramático Galego para a súa temporada 2006-2007. Con ela, converteuse no primeiro dramaturgo residente do CDG.

 A obra teatral convocou máis de 4.700 espectadores nas súas 37 representacións. Volveuna representar no 2009 a compañía Abrapalabra.

 Foi recoñecida nos Premios María Casares 2007 co premio ao mellor texto orixinal. Tamén recibiu o premio á mellor actriz protagonista, á mellor iluminación e á mellor música orixinal.

 En 2010 foi finalista dos XIII Premios Max de teatro en lingua galega con esta peza.

 Fragmento en youtube do libro: http://www.youtube.com/watch?v=PU91lfdFtnk

 Argumento.

Non imos comentar nada do argumento. Tampouco a imos adxetivar. Que cada quen faga cadansúa lectura. Do que si fala todo quisqui é da temática e o seu tratamento. Haberá logo que descubrilo.

En palabras de Cándido Pazó é un intento de “tratar un tema central desde o anecdótico” para permitir ao público “transitar polas emocións”. Noutra entrevista afirma sobre A piragua: “Á xente gústalle rir, pero tamén chorar”.

Aínda que penso que non nos interesa, os personaxes foron interpretados por Pico Oliveira, Susana Dans, Iolanda Muíño, Marcos Orsi, César Goldi, Ricardo de Barreiro e Marian Bañobre.

Atopei dous comentarios sobre A piragua de dúas participantes no club de lectura do IES Primeiro de Marzo

http://lecturasrecomendadasengalego.blogspot.com/2011/02/piragua-candido-pazo.html

Espero non vos ter dado demasiadas pistas.


Publicado en Uncategorized | 9 Comentarios

Cándido Pazó


 É un dos autores mais prolíficos do panorama teatral galego. Nas súas composicións mestúranse diversos elementos e dramaturxias teatrais harmonizados en moitos casos baixo unha ironía cruel e un humor fino e sutil. Como diría Rosa Díez, “gallego, en sentido peyorativo”.

Cándido Pazó naceu en 1960 na parroquia de S. Paio de Navia, Vigo.

Querer trazar a súa traxectoria é traballo baladí. Un esforzo por concretizar todo o que leva feito consumiría moito tempo. Así que, segundo a biblia do s. XXI, a Wikipedia, Cándido Pazó é autor, director de escena, narrador oral e actor.

Como actor, debuta en 1975 e forma parte do elenco do grupo vigués A Farándula. Neste tempo participa nas primeiras convocatorias da Mostra de Ribadavia. En 1983 o seu grupo se disolve.

Despois de varios traballos como actor en diversas compañía, crea en 1989 Tranvía Teatro, onde se inicia como autor e director de escena coa peza O merlo Branco, Premio Xeración Nós, de teatro infantil.

 En 1993 xorde un novo grupo, Ollomoltranvía, como fusión dos dous grupos vigueses. Con esta compañía obtén un dos éxitos máis celebrados na súa carreira Commedia, un xoguete para Goldoni, que obtén os premios Compostela 93 ao Mellor Espectáculo e Mellor Dirección, Premi de la Crítica del País Valenciá ao Mellor Espectáculo do 94 e Premio da A.I.T.A. (Asociación Independiente de Teatro de Alacant) ao Mellor Espectáculo de l.995.

 Autodidacta pero tamén estudante na escola de Philippe Gaulier, en París, onde lle aprendeu o gusto á commedia dell’arte. Logo traballou ben como autor ben como actor en diversas compañía como Teatro do Malbarate, Teatro do Xalgarete, Títeres Tanxarina, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Talía Teatro, CDG ou Teatro de Adro.

Formou parte dos dramaturgos europeos seleccionados para participar na Marathon Europea de Creación Teatral, proxecto de escritura dramática dentro de actividades da Capitalidade Europea de Bruxelas 2000.

Está presente, con relatorios e traballos, nos máis importantes foros de reflexión e discusión sobre o feito teatral galego coma o TEATRAgal ou a Comisión Técnica de Teatro da Ponencia de Teatro e Música do Consello da Cultura Galega.

Como contador de historias e monologuista as súas actuación son recoñecidas non só en todo o país dos ananos senón tamén españa, portugal e américa latina así como en europa.

 É, ademais, guionista para televisión (A familia PitaPratos CombinadosMareas vivas, Avenida de AméricaFíosTerras de MirandaAs leis de Celavella o Libro de familia) e ten traballado como actor en series de televisión e no cinema (GallegoDivinas palabrasEl lápiz del carpinteroHeroína, etc).

Actualmente conta con varias obras en cartel, destacando especialmente os seus traballos sobre Memoria das MEMORIAS DUN NENO LABREGO e as Cunqueiradas.

 Ao ser Cándido Pazó autor, escritor, tradutor, adaptador, etc etc etc, sería moi aburrido poñer case todo o que leva feito nestes 42 anos de traballo. Ímonos limitar a sinalar soamente o que ten publicado como autor.

Arroutadas (1983). Estreada en Vigo en 1984 pola compañía A Farandula.

O melro branco (1989). Estreada en Vigo en 1989 pola compañía Tranvía Teatro, dirixida por el. Publicada na Editorial Bruño en 1991.

Raíñas de pedra (1991). Estreada en Santiago en 1994 pola compañía Ollomoltranvía. Publicada en Edicións Xerais de Galicia en 1994.

A mostra (1991). Estreada en Vigo en 1991 pola compañía Tranvía Teatro, dirixida por el.

Xogos á hora da sesta (1992). De Roma Mahieu. Estreada en Ourense coa compañía Malbarate.

Commedia, un xoguete para Goldoni (1993). Traballo de escritura e dramaturxia a partir dun canovaccio, a tradición da commedia e improvisacións nos ensaios. Estreada en Ribadavia por Ollomoltranvía en 1993, dirixida por el. Publicada en Edicións Xerais de Galicia en 1994.

Monstros de risa (1994). Texto para títeres e marionetas. Estreado en Redondela en 1994 pola comapañía Tanxarina, dirixida por el.

O rei nu (1995). En colaboración con Quico Cadaval. Estreada en Redondela en 1995 pola compañía Ollomoltranvía, dirixida por el. Publicado por Edicións Talía en 1995.

O bululú do linier (1998). Estreada en Santiago de Compostela en 1999 pola compañía Adro, dirixida por el. Publicada en castelán e como peza breve no volume colectivo Al borde del área da colección “Teatro Español Contemporáneo” da Deputación Provincial de Alacant. Premio María Casares 2.000 ao Mellor Texto Orixinal.

Niki-ñaque (2000). Estreada en Santiago de Compostela coa compañía Ollomoltranvía, dirixida por el. Recibiu en 2002 o premio ao Mellor Texto Orixinal en galego non Premios Max.

Binomio de Newton (2OO2). Estreada en Santiago de Compostela coa compañía Teatro de Adro, dirixida por el. Premio María Casares ó mellor actor protagonista no 2003, a Xosé Manuel Oliveira “Pico”. Publicada en 2006 por Baía Edicións. ). Nominado para os Premios Max como Mellor Texto Orixinal en Galego, 2003.

Xustiza infinita (2002). Estreada en Boiro coa compañía Talía Teatro, dirixida por el.

Bicos con lingua (autoría compartida, producido pola compañía Talía Teatro), Premio María Casares 2.004 ao Mellor Texto Orixinal.

A piragua (2007). Estreada en Santiago de Compostela co CDG, dirixida por el. Publicada en 2009 en Laiovento. Premio María Casares 2.008 ao Mellor Texto Orixinal.

García (2007). Representada por Teatro do Adro, dirixida por el. Premio María Casares 2.005 ao Mellor Texto Orixinal.

Emigrados (autoría compartida, producido pola compañía Teatro de Ningures), Premio Max 2.008 ao Mellor Texto Orixinal en Galego.

E ti quen vés sendo? (producido por Talía Teatro). Nominado aos Premios María Casares 2.009 como Mellor Texto Orixinal e aos Premios Max 2009 como Mellor Texto Orixinal en Galego.

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

A neta do señor Linh

Como é un libro pequeno decidimos estar con el unha quincena, o plan de lectura do libro é:
Do 2 ao 8 de febreiro comentaremos a primeira metade do libro, ata o capítulo que empeza “Tres días despois, o señor Bark…” (páxina 69 aproximadamente)
Do 9 ao 15 de febreiro comentaremos a segunda mitade do libro e o libro no seu conxunto.

A neta do señor Linh é unha novela pequena e fermosa (E. F. Schumacher publicou en 1973 Lo pequeño es hermoso: Economía como si la gente importara, a frase “Small Is Beautiful” veu do seu mestre L. Kohr, o suplemento literario de The Times clasificou este libro entre os 100 libros máis influintes publicados dende a Segunda Guerra Mundial) de pouco máis de 100 páxinas con 22 capítulos moi curtos.

Pódese ler nunha tarde, pero o consello deste blogue é que se faga unha lectura a modo, disfrutando dos detalles, degustando cada mordiscada, ulindo cada parágrafo.

A novela Conta a soidade do señor Linh, un vello asiático que abandona o seu país, destrozado pola guerra, e levando con el o único que lle quedou, a súa neta e algún recordo. No país que o recibe atopa ao señor Bark, outro home que vive en soidade. Claudel cóntanos os encontros destes 2 homes con linguas distintas pero que son quen de comunicarse e facer que entre eles xurda a amizade.

O estilo é sinxelo, con aires cinematográficos e pode ser aconsellada a súa lectura para unha franxa de idade moi ampla, dende os trece anos aproximadamente ata os cento e pico. Fai rir, chorar e chega ao corazón. O autor consigue comunicar emocións.

A crítica dixo deste libro:
Unha pequena marabilla (Livres Hebdo)
Un relato desacougante que apunta ao corazón da literatura e converte en pracer a lectura (Lire)
Claudel asombra cun relato breve e ardente, con ascuas que non se apagan cando se pecha o libro (Le Monde)
Unha fábula chea de tristura e silencio para ler mil veces (Le Fígaro)

E vós que dicides/e nós que dicimos?, estamos/estades de acordo?

Publicado en Febreiro 2012 Neta señor Linh, Sobre as lecturas | 31 Comentarios

Carta ao señor Linh

Cando “falemos de lecturas” leu o libro “A neta do señor Linh” pareceulle interesante escribirlle unha carta ao señor Linh. Se che apetece escribirlle unha carta, un anaco de carta ou contarlle algo podes escribilo nos comentarios desta entrada

Publicado en Febreiro 2012 Neta señor Linh | Deixar un comentario

Philippe Claudel

Philippe Claudel, naceu en Dombasle-sur-Meuthe (Francia) no ano 1962, dou clases no ensino secundario, na Universidade (antropoloxía cultural e literatura) e a nenos discapacitados e no cárcere, é autor das novelas:

Meuse l’oubli, Paris, Balland, (1999)

Quelques-uns des cent regrets, Paris, Balland, (1999)

Le Café de l’Excelsior, Nancy, La Dragonne, (1999)

J’abandonne, Paris, Balland, (2000)

Barrio Flores: petite chronique des oubliés, Nancy, La Dragonne, (2000)

Le Bruit des trousseaux, éditions Stock (2002)

Les Âmes grises, Paris, Stock, (2003)

La Petite Fille de Monsieur Linh, Paris, Stock, (2005)

Le Rapport de Brodeck, Paris, Stock, (2007)

L’Enquête, Paris, Stock, (2010)

En galego está editado A neta do Señor Linh en Rinoceronte editora e en castelán están editados:
Almas grises (2005), La nieta del señor Linh (2006) e El informe de Brodeck (2008) en Ediciones Salamandra.

Tamén é guionista e director de cine, dirixiu as películas:

  Il y a longtemps que je t’aime (Hai moito que te quero) (2008).

Tous les soleils (Silencio de amor,2011).

Nestes enlaces podemos oir parte da banda sonora das súas películas:

http://www.allobo.com/bo-tous-les-soleils-1360.html

http://www.allobo.com/bo-il-y-a-longtemps-que-je-t-aime-2012.html

Publicado en Febreiro 2012 Neta señor Linh, Sobre os autores | 4 Comentarios