A piragua. Primeiras interrogantes: Por que ler un libro de teatro.


1º.- Despois de levar lido varias novelas, como afrontarmos a lectura dun texto teatral: onde carallo vai o narrador?

2º.- Gozan do mesmo grado de ficción os personaxes dunha novela e dun texto teatral?

3º.- Como e onde demos vemos a man dun autor teatral fronte a da un autor de novelas? Propoño facer unha comparación entre as lecturas realizadas de Paul Auster, Fran Alonso, Philippe Claudel e Cándido Pazó

4º.- Como interpretar un problema sempre difícil de solucionar en teatro: o tempo interno.

5º.- Por último, como puñetas comentar unha peza de teatro sen ver a súa posta en escena?

 

 Sobre A Piragua

 Candido Pazó escribiu esta obra en 2006 como encargo do Centro Dramático Galego para a súa temporada 2006-2007. Con ela, converteuse no primeiro dramaturgo residente do CDG.

 A obra teatral convocou máis de 4.700 espectadores nas súas 37 representacións. Volveuna representar no 2009 a compañía Abrapalabra.

 Foi recoñecida nos Premios María Casares 2007 co premio ao mellor texto orixinal. Tamén recibiu o premio á mellor actriz protagonista, á mellor iluminación e á mellor música orixinal.

 En 2010 foi finalista dos XIII Premios Max de teatro en lingua galega con esta peza.

 Fragmento en youtube do libro: http://www.youtube.com/watch?v=PU91lfdFtnk

 Argumento.

Non imos comentar nada do argumento. Tampouco a imos adxetivar. Que cada quen faga cadansúa lectura. Do que si fala todo quisqui é da temática e o seu tratamento. Haberá logo que descubrilo.

En palabras de Cándido Pazó é un intento de “tratar un tema central desde o anecdótico” para permitir ao público “transitar polas emocións”. Noutra entrevista afirma sobre A piragua: “Á xente gústalle rir, pero tamén chorar”.

Aínda que penso que non nos interesa, os personaxes foron interpretados por Pico Oliveira, Susana Dans, Iolanda Muíño, Marcos Orsi, César Goldi, Ricardo de Barreiro e Marian Bañobre.

Atopei dous comentarios sobre A piragua de dúas participantes no club de lectura do IES Primeiro de Marzo

http://lecturasrecomendadasengalego.blogspot.com/2011/02/piragua-candido-pazo.html

Espero non vos ter dado demasiadas pistas.


Advertisements

About falemosdelecturas

Contáctanos en falemosdelecturas@gmail.com
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

9 Responses to A piragua. Primeiras interrogantes: Por que ler un libro de teatro.

  1. sentenced wheels di:

    Ben, parece ser que me toca a min levantar o pano! e que empece a función!!!!

    Lin o libro hai un par de meses e me gustou moito como Cándido Pazó afronta un tema tan complicado como o dos malos tratos. De momento lin ata a secuencia 7 polo que non vou comentar máis alo diso.

    Do prólogo de Antón Baamonde non vou comentar nada porque nunca me gustaron os prólogos. Creo que era Unamuno quen dicía que se podían saltar libremente.

    O primeiro que me sorprendeu do libro é a estructura en que está montada todo o texto: son secuencias curtas e moi dinámicas. Isto podería provocar o despiste do lector por mor da diversidade de personaxes e de tempos. Sen embargo é unha obra moi narrativa e os saltos non son bruscos senón que están moi ben encadeados.

    Na secuencia 2 preséntanse os personaxes de Lucía, Rosa, Delio e Guzmán. O único que se destaca deles é a súa idade e aspecto físico pero de maneira moi difusa. Nesta descrición parece que Lucía cobra máis protagonismo que o resto.

    No inicio da secuencia 3 introdúcese unha variante importante: o tempo. Ocorre un ano e medio despois. Lucía xa non fala con personaxes anteriores. Agora faino co público que asiste ao teatro rompendo así esa cuarta fiestra. O público xa non é só testemuña, é tamén protagonista. Con Isto Cándido Pazó obriga ao públio a tomar partida por ser parte interesada. Suso e Brandán parecen estar ao marxe desa escena pois ignoran completamente o público. Só no momento en que desaparece Lucía é cando se dirixen a el (secuencia 5).

    Suso e Brandán son os personaxes máis frouxos destas 7 primeiras secuencias. A min non me convencen. Parece que están postos para facer os chistes máis que para dar profundidade ao tema da violencia. Haberá que seguilos de preto.

    A secuencia 6 é a máis tráxica destas primeiras sete. Vén xusto despois dos diálogos chuscos de Suso e Brandán. Colle o lector por sorpresa pois non agarda unha escena con tanta tensión. Para min a secuencia anterior é demasiado cómica e un pouco longa para ser o preámbulo desta escena entre Delio e Rosa. Eu atallaría a secuencia 5 e alongaría un pouco máis o conflito entre Delio e Rosa. Hai demasiada tensión en moi pouco tempo.

    Gustoume a confesión de Delio na secuencia 7. Tamén fala co público. Eu non acabo de ver ese diálogo co público. Para min rompe a intimidade dos personaxes que saben que os están vendo. Penso que un monólogo sería mellor. Imaxino que Cándido Pazó estaría máis interesado en demostrar que en mostrar a súa postura persoal neste tema. Está ben involucrar o público pero facelo desta maneira resúltame cando menos indiscreto.

    Ben, para rematar, quero falar dos diálogos en xeral. Nótase a obra está escrita hai anos porque algúns diálogos quedaron anticuados, como o chiste de “be water, my friend” ou o tema de fumar no centro de traballo. Hoxe xa non sorprenden. É o que pasa cando se busca a risa fácil. Sen embargo, cando fala Delio, Guzmán ou Lucía a cousa cambia. As súas palabras teñen moito peso e son claves para comprendermos o que está acontecendo.

    Bne, non sigo. Cando teña lido un feixe de secuencias máis, seguirei debullando. Agardo os vosos comentarios.

    (Sae)

  2. sentenced wheels di:

    Que curioso, non? Parece que esta obra non está sendo de interese. Por unha banda, non me sorprende, pois quen carallo é o tolo que le teatro habendo novelas? Pero pola outra si me sorprende porque un bo lector nunca debería deixar pasar por alto outros xéneros que non fosen só novela.

    Vou pois, predicar no deserto. Desta volta quero comentar as secuencias 8-17.

    Anteriormente deixaramos a Delio entonando un mea culpa diante do público. Esa actitude de estar xustificando ou conectando co público cada pouco non me acaba de gustar. Rompe continuamente o discurso. Eu escollería un recurso similar ao de A Esmorga: contestar unha suposta pregunta feita por un suposto xuíz.

    A escena 8 introduce a 9. Paréceme un pouco collida polos pelos. Está ben que vexamos a Guzmán e Lucía discutir. É o contrapunto á discusión anterior entre Delio e Rosa. Esta discusión vai sair novamente á luz un chisco máis tarde. Penso que se tivera un pouquiño máis de profundidade, quedaría “bordao”, pero tal como sucede, parece pillada polos pelos.

    Na secuencia 9 destaco principalmente a referencia que Rosa fai á “nena”. Está claro que ese é a orixe de toda a traxedia. Rosa precisa unha nova vida despois da morte súa filla. Esta nena aparece e desaparece continuamente na obra. Apenas se dan datos dela (polo menos ata a secuencia 17) pero marca un antes e un despois.

    Por certo, encántame que en galego á xente coa síndrome de Down se lle chame inocente. Paréceme algo especial. Méndez Ferrín ten un libro que se titula Antón e os iñocentes. É sobre os seus anos universitarios. Recomendable.

    A secuencia 11 é a máis rara das que levo lido. Teatro dentro do teatro. Nada orixinal pero moi efectista. Evidentemente, tratándose de Candido Pazó ten que ser con personaxes da Commedia dell’Arte. Esta escena serve para darlle unha volta máis ao tema dos malos tratos na que a muller defende ao seu agresor. Está toda chea de humor e ironía. Pero o ton que subxace é de crueldade e inxustiza. Un xeito máis de ver algo dramático desde a risa.

    A secuencia 12 é a que máis me fodeu ata o de agora. Rosa falando diante do público. Non remata unha soa frase. Por que? Imaxino que a intencionalidade do autor é amosar un personaxe inseguro de si mesmo e acomplexado. Pero Rosa non me parece un personaxe así senón que máis ben semella ser alguén que non atopa o seu espazo na nova situación que lle toca vivir despois da morte da súa nena. Aquí podiamos facer un paralelismo coa obra de Fran Alonso. A diferenza radica en que os personaxes de Ninguén buscan un espazo físico exterior onde desenvolverse mentres que Rosa precisa dun novo espazo interior. Por iso se somete a Delio.

    A secuencia 13 é a que menos me gusta. É moi longa e cómica. Vemos a un Delio cínico e egosísta con Brandán. Ata agora esa era a actitude con Rosa. Pero que manteña esa mesma actitude con Brandán manifesta que Delio é así con todo o mundo, non só con Rosa. Exímeo (en certa medida) de machacar á sua muller. A actitude de Guzmán é de parvo. O papel de Guamán ata agora está moi mal creado. Parece máis un sparring que un personaxe importante na obra.

    A secuencia 16 paréceme moi interesante. É outra escinificanción dun acto de violencia contra a muller. Esta vez en Afganistán. Fáltalle un pouco de verosimilitude, pero como esbozo está moi ben pois o lector (e o público tamén) pode completar a escena.

    Por último, a secuencia 17. Chéirase a traxedia. É unha secuencia moi curta pero moi intensa. Parece que a muller afgana que vai ser lapidada é Rosa. Moi intelixente por parte do autor.

    E polo de agora, non máis.

  3. sentenced wheels di:

    Desta volta quería comentar as secuencias 18-24.

    No secuencia 17 parecía que ía producirse o clímax da obra. Sen embargo, na seguinte dilúese como o farelo nun día de choiva. A especulación entre Lucía, Suso e Brandán sobre a relación entre Rosa e Delio esmigalla todo o miolo. Créase outro paralelismo de violencia, neste caso entre Lucía e Guzmán. Evidentemente no é o mesmo porque coñecemos a Guzmán e a Delio. Mesmo Lucía di “Nós discutimos, si, vale, pero…”.

    Nas dúas secuencias seguintes presenciamos unha nova rifa entre Rosa e Delio. Son dúas posibles escenas que Lucía e Suso imaxinan. Non acabo de ver a funcionalidade desta escena e a súa variante. Está claro que a orixe da obra é un grupo de actores en busca dun argumento. Aínda así, estas dúas secuencias son moi longas e aburridas. Ademais as ansias de Cándido Pazó por facer rir con chistes fáciles estragan a tensión dramática. A necesidade de Rosa de independencia e dignidade resulta patético. Pouco profundo. Menos mal que Suso o recoñece na secuencia seguinte.

    Resúltame curioso os pareceres de Lucía fronte os Suso e Brandán sobre a escena representada. Será que sempre hai unha visión masculina e outra feminina sobre o tema da violencia? As explicacións que dan resúltanme moi dogmáticas e facilonas. É unha escena moi aburrida.

    Na secuencia 22 Lucía fala co público sobre a escena anterior. Eu preferiría que fose un monólogo. Sería máis crible. Que estraño que diga que non gusta de xogos de palabras. Eu pensaba ata aquí que Lucía era o alter-ego de Candido Pazó.

    As secuencias 23 e 24 introducen diálogos de xénero. Por unha banda Lucía e Rosa e por outra Delio e Guzmán. Son diálogos pouco orixinais que non acaban por afondar na personalidade de ningún dos personaxes. Quizá quen sae gañando aos ollos do público é Guzmán: Rosa é un sinvivir que non é capaz de chamarlle as cousas polo seu nome; Lucía é unha muller resolutiva (aínda que a súa teoría “de porque che convén” parece dicir o contrario); Guzmán é unha boa persoa, desinteresada; e Delio un machista ignorante que se descoloca por calquera cousa. O mundo de Delio vénse abaixo continuamente porque a xente non fai nada correctamente.

    A distancia entre Rosa-Delio e Lucía-Guzmán é excesiva. Son universos contrarios. Quizá aí radique a pouca empatía que sinto por ningún dos personaxes.

    E ata aquí.

  4. Anxo di:

    Ola, facía anos, moitos anos, que non lía unha obra de teatro, grazas sentenced wheels pola proposta, resultoume unha experiencia interesante, paseino ben, por momentos me pareceu que estaba nunha butaca dun teatro. Despois da lectura gustaríame ver unha boa escenificación deste texto, pero polo menos polo de agora parece que non vai poder ser ( a non ser que a representemos entre os que andamos comentando neste blogue, Cándido, te atreves a dirixirnos? 😉 ) .
    Gustoume a portada (imaxe nesta entrada).Eu vin: a gota que fai rebosar o vaso, piragua fora de sitio, piragua que parece unha navalla.
    O título non ten moito que ver co texto pero non me parece mal, entendo que é unha pista de algo de humor nun tema serio. Os monitores dos numerosos clubs de piraguismo deberían aconsellar a lectura deste libro entre os seus alumnos. Gustoume o detalle de que o suceso da piragua se baseara nunha situación real nunha comunidade de propietarios, Menudas comunidades!!!!!; a quen lle dades a razón a Guzmán ou a Delio co da piragua na praza de garaxe? Eu por suposto a Guzmán.
    En xeral non me gusta moito a combinación de humor con temas serios -excepto o destes días dos guiñoles franceses co dopaxe 😉 -pero entendo que cada autor poida prantexar o tema como lle pareza máis adecuado e así poida chegar a outros públicos ou dar outras perspectivas. Pero, como lle parecerá que se trate así o tema da violencia de xénero a unha persoa que a sufra ou que a sufriu?.
    Gustoume a incorporación de “chistes fáciles” (termo usado por sentenced wheels) no texto, algún deles fíxome rir. Por exemplo:
    – Cando Delio di que hai que desconfiar de todo o que empeza por micro, microbio, microorganismos…microbús (que estivera agardando).
    – Compro, logo existo
    – Como non?//// non como!
    – O pai de todos os libros/////A Biblia?/////non, o pai (diccionario), non a nai.
    Tamén me gustou o de dirixirse ao público en varias ocasións.
    Cos saltos de ano e medio despois ou ano e medio antes me quedou a dúbida de se o público asistente á representación será capaz de situarse nese novo tempo (dependerá da posta en escea).
    O xogo de palabras co acento “violencia doméstica / violencia domestica” me fixo pensar e nunca o escoitara, dende hai máis de 30 anos ando conscientemente pola non violencia pero penso que ten razón o texto cando di que a violencia domestica.
    O libro mostra dous estilos de parellas Guzmán e Lucia (tolerantes, certa independencia) e Delio e Rosa (non tolerancia por parte de Delio e sumisión ata un momento de Rosa). Hai anos o modelo de Delio e Rosa podía ser bastante típico, penso que a situación cambiou para mellor en poucos anos pero aínda falta para chegar á igualdade, aínda hai moito Delio polo mundo, e por Galicia, incluso en xente nova, é moi triste que haxa persoas que non saiban respetar aos demáis e que non se entenda algo básico que a liberdade de un remata onde empeza a dos demáis. Por certo unha persoa que anda por este blogue ten CCXLV entradas nun blogue (Trafegando Ronseis) de “Non á violencia contra as mulleres”.
    Saúdos

  5. Anxo di:

    Ola, informo que hai un comentario de Cándido Pazó na sección deste blogue “Opina” por se acaso non se ve, está algo escondida.
    No comentario anterior esquecinme de comentar que no acto 30, contra o final da obra, gustoume o da aparación da nena, non contaba con ela, dalle un toque distinto ao resto do texto.

  6. sentenced wheels di:

    Boas. Desta volta vou rematar a miña lectura de A Piragua. Pero antes quería puntualizarlle a Anxo unha cousiña. Cando falo de “chistes fáciles”, fágoo pensando en cousas como o de “be water, my friend” ou “de perixe, peixero, de canre, carn…” Outra cousa son os xogos de palabras que imitan o eslogan “A violencia domestica” ou fan referencia á commedia dell’arte “como non / non como”. Son diversos niveis de comicidade. ´

    Paréceme moi interesante o que dis, Anxo, sobre o exceso de ganas de facer rir queten a obra. Que pensaría unha muller vítima da violencia machista sobre esta peza teatral?

    A secuencia 25 Brandán, Lucía e Suso volven especular co que pasaría entre Delio e Rosa. Non sei como se representaría o aparte da secuencia 24 [Delio queda durmido no garaxe pensando na piragua] “…acaba adormecendo” e o remate da secuencia 25: “Por efecto do soño a piragua sae voando. Ou lévana Suso e Brandán”. Máis ca teatro parece novela.

    A secuencia 25 é o clímax da obra. A esperadísima pelexa entre Delio e Rosa polo “fregoteo” da escaleira. Delio está fóra de si, pero Rosa mantén a calma. A tranquilidade de Rosa parece atemperar a Delio que remata por falar con Rosa sobre a súa situación. Rosa repite os argumentos de Lucía “estás con alguén porque che convén”. Neste diálogo atopamos a un Delio frustrado e doído con Rosa por mor do nacemento da filla. Vemos como as circunstanicas o sobrepasan. Non creo que aquí Delio actúe en plan cínico como o fixo antes con Brandán ou con Guzmán.

    Cando Rosa proponlle terminar coa relación, Delio reacciona collendo o caldeiro e dicíndolle que fregue todo o que queiera. Non me acaba de convencer esta última parte. Eu nunca viría a Rosa capaz de dicir o que di. E que Delio reaccione pensando que todo é por culpa de querer fregar unhas escaleiras dóeme. Podía ter un pouqiño máis de sensibilidade, pois Delio pode ser cínico, machista e abusón, pero non parece parvo. El sabe perfectamente de que está a falar Rosa.

    A secuencia 27 é un alegato ao público. Suso, Lucía e Brandán cúlpanse por non estaren pendentes de Rosa e ser cómplices do acontecido. Pero é significativo que nin Suso nin Brandán falan de “nós”. É Lucía quen di ” non sabemos por que ninguén se preguntou, nós, tampouco, por que Rosa non saía nin falaba con ninguén”

    A secuencia 28 é moi estraña. Fáltame algo. Aparece Rosa nunha cadeira de rodas. Teño que entneder que na discusión da secuencia 26 Delio malla en Rosa? Sen embargo, Guzmán e Brandán falan de piraguas na desembocadura dun río no mar : “Aí unha piragua é demaisado feble, pero é o que tes”. Obviamente é unha metáfora. Literariamente fermosa pero a min me fixo perder o fío. A escena remata con Guzmán e Brandán vendo a Delio cantar “Rosiña, Rosiña” darlle un bico á súa muller e marchar a traballar.

    Que pasou pois entre Delio e Rosa para que esta estea nunha cadeira de rodas e responda “cun esbozo de sorriso”? Perdinme.

    A secuencia 29 gustoume. Lucía Suso e Brandán falan sobre o concepto de argumento. Efectista non é o mesmo que efectivo. Lucía reprocha a Brandán a súa nula sensibilidade. Gustoume a refelxión de Lucía “Non é no final onde está a clave, Suso. Está a traxedia pero…” ou estoutra “As traxedias fan demasiado grandes as personaxes”. Recoñezo que sinto debilidade por esta muller. E detesto o papel de Brandán. Se a intencionalidade de Cándido Pazó era crear un bufón a min se me asemella a un monicreque.

    A secuencia 30 é terrible. Aparece a figura da Nena para levarse a Rosa. Magoa. As continuas cadeas de palabras que utiliza a Nena son demasiado belixerantes e directas. Nun momento dado se me parece máis á figura do xoguete diabólico que ese ser entrañable imaxinado por Rosa.

    A secuencia 32 é un pouco incongruente. Lucía, Suso e Brandán seguen a buscar un contido para a súa obra. A idea de lavar os cristais con vinagre sérvelle a Candido Pazó para non deixar o fío solto da relación de Suso cos seus pais. Pero, non foi Guzmán e non Suso o que marchou da casa dos pais? É demasiado rebuscado. O argumento de finxir noticias cotidiás rompe de novo a tensión creada na escena anterior cando Delio chama pola muller e non a atopa.

    Finalmente, atopamos de novo a Delio chamando por Rosa. No camiño se lle cruza Guzmán e Delio o mata levado pola ira. Por que?: “os garaxes son para coches!!!!”

    Ufff, vaia final. que descoloque, non? Hai que chorar ou rir?

  7. Laura di:

    Caramba, Lourenzo, que xeito tan detallista de comentar o libro, devanando as secuencias unha a unha!

    Gustoume ler esta obra de teatro. O teatro é un xénero que me encanta en sí mesmo. Con esta obra, quixen estar sentada na butaca: creo que a disfrutaría moito máis como obra en directo que como obra literaria. Esta obra non me resultou fácil de entender nin de seguir: tanto salto temporal fíxome voltar atrás máis dunha vez, e me resultaba moi extraño cando os actores se dirixían ao público (lector)

    Pregúntome cómo raio farían os actores para representar eses flashback, dous tempos simultáneos en escena… non semella sinxelo.

    Creo que o personaxe con máis forza da obra é Delio. Gocei cós seus xogos de palabras a a súa afección ao diccionario. Os personaxes femeninos, non sei se de xeito voluntario ou non, semellan máis desdebuxados.

    Pregúntome qué significado ten a piragua na novela. Por certo: piragua, non barca, nin canoa. Pode ser un símbolo da personalidade obstinada-enfermiza de Delio? A frase final: “os garaxes son para coches, son para coches!!” faime pensar que me sería moi difícil convivir cun tipo tan obcecado. Que mal pode facer unha piragua nunha plaza de garaxe se non molesta a ninguén? É a piragua un símbolo da sua personalidade dominante?

    A qué ven esa obsesión de que se lle chamen ás cousas polo “seu nome”? Non nos entendemos igual de calquera xeito?

    Non me gustaron demasiado as bromas que salpican as esceas… quizáis o tema central é demasiado serio como para tivera gana de rir.

  8. sentenced wheels di:

    remato xa.
    despois de ler A Piragua pregntei se alguén vira a representación. As críticas non foron moi entusiastas. Parece que foi unha obra típica do DDG: boa iluminación, bo vesiario, boa dirección bo todo menos a interpretación. Pois mira que eran actores de primeiro nivell!!

    Cando lin a obra a primeira vez xa me resultara un pouco cargante tantas ganas de facer rir. Tal vez os continuos chistes e gags funcionen mellor sobre as táboas que no papel. Da obra eu destaco os xogos parateatrais que forman unha visión caleidoscópica do tema. Lucía, Suso e Brandán buscan un tema para unha nova peza. Especulan co que lle pasou a uns veciños. O que me descolocou do libro foi que se todo acontecera un ano e medio antes por que non aparece a morte de Guzmán ata o final? Durante o libro non hai nin unha soa referencia a algo que Lucía e os seus compañeiros terían que ter moi presente. Unicamente se centran na historia de Delio e Rosa. Non sei que pinta Guzmán en toda a obra. Entendo que é o elemento sorpresa. O colofón. Pero debería haber algunha pista que levase a ese final. Pode ser moi teatral pero moi pouco literario.

    E esa é gran eiva desta obra, incide no aspecto máis teatral que literario. Máis parece un guión ca un texto organizado. Con todo, escollín esta obra polo tema que toca pero tamén polos contínuos xogos dramáticos e as diversas dramaturxias que obrigan ao lector a poñerse en distintos planos da realidade.

    A Laura gustoulle o papel de Delio. Eu aborrézoo. O personaxe de Brandán é o peor. Só está para facer ruído. A min quen máis me impactou foi Lucía: serena, sensible e lúcida.

  9. Eu lin a obra e vin a representación e ambas me gustaron moito. E iso que logo de ler a obra sempre me dá medo ver que ocorre despois, pero pareceume unha moi boa posta en escena, e non me defradou en absoluto. Ademais vina no castelo de Ribadavia, marco incomparábel!!!
    Non sei se o dixestes, pero a anécdota inicial é real: a polémica que xorde nunha comunida de propietarios/as porque un dos veciños ten unha piragua na súa praza de garaxe. O feito de que un inicio cómico permita mergullarnos logo nunha das traxedias actuais (a violencia de xénero) con tanta delicadez e realismo paréceme un gran logro.
    Con saltos no tempo e cun atmosfera diferente, semella que en lugar de estarmos lendo unha obra de teatro estivésemos lendo unha novela ben artellada onde cada frase é insustituíble.
    Creo que foi unha gran elección para o club.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s