Xuño: Non me deixes nunca- Kazuo Ishiguro


Ao longo deste mes de xuño leremos esta novela do escritor nipón-inglés. Por estar dividida en tres partes, penso que o mellor é que vaiamos comentando unha delas por semana. Ata o día 10 leremos dende a páxina 13 ata a 171. Adiántovos que este é un libro que non deixa indiferente; abofé que ten moito que comentar.

Sinopse:

Premio Novela Europea Casino de Santiago 2006

Inglaterra, finais do século XX. No medio da idílica paisaxe campestre, un colexio exclusivo acubilla os seus alumnos, protéxeos do mundo exterior, failles crer que son especiais, auténticos seres escollidos. Mais, por que están realmente alí? Kazuo Ishiguro, autor de The Remains of the Day (O que queda do día), explora nesta novela as posibilidades da ficción a través dun relato que agacha unha verdade terrible. Non me deixes nunca é a historia dun destino inesperado, dun fado arrepiante que pon de relevo a fraxilidade do ser humano fronte a un mundo aparentemente feliz.

Portada da editorial Galaxia

Esta obra de Kazuo Ishiguro ten sido incluída no xénero da ciencia-ficción, mais o seu autor resístese a aceptar esa catalogación, e é que o mundo que crea na novela ben podería ser o noso mundo real, un mundo alternativo posible, e por iso mesmo, arrepiante. Isto é o que leva a algúns sectores da crítica a considerar esta obra como unha distopía (o contrario dunha utopía, o mundo proposto dista moito do ideal) que lle permitiría abordar a Ishiguro un tema moi interesante e polémico que non nomearei nesta sección para non estragarvos a intriga. Sexa como for, o certo é que se trata dun libro que admite múltiples e diversas lecturas, algunhas máis literais, outras máis alegóricas, e que dará lugar, sen dúbida ningunha, a un interesante debate.

Tráiler á película: “Never Let Me Go”(2010)

Kazuo Ishiguro:

Naceu en Nagasaki en 1954, mais a partir dos seis anos viviu en Inglaterra, onde recibiu unha formación académica absolutamente occidental, desde a educación primaria ata os estudos superiores, que cursou na Universidade de Kent. Posteriormente doutorouse en Escritura creativa pola Universidade de East Anglia, onde recibiu unha marcada influencia do novelista Malcolm Bradbury, quen fundara e impartira os devanditos cursos doutorais.Kazuo Ishiguro comezou a darse a coñecer nos círculos literarios do Reino Unido a comezos da década dos oitenta, aínda que previamente xa conseguira que lle publicaran algúns artigos e relatos en varias revistas literarias.En 1982 deu á imprenta a súa primeira narración extensa, unha novela titulada Pálida luz nos outeiros, cuxa acollida foi tan calorosa que recibiu o prestixioso premio “Winifred Holtby”. A súa seguinte novela, Un artista do mundo flotante (1986), fíxose acredora doutro non menos importante galardón, o premio “Whitbread” de Literatura.Con estes dous cartóns de presentación, non resulta estraño que a súa terceira novela, titulada Os restos do día (1989), fora recibida con grandes eloxios por parte da crítica e os lectores ingleses. Esta novela -que reportou ao mozo Ishiguro outro dos galardóns máis anhelados nos cenáculos literarios do Reino Unido, o “Booker Prize”- constitúe unha lúcida e amarga reflexión acerca da vacuidade e esterilidade de tantas vidas humanas, reflectidas na narración dun típico mordomo inglés que, en primeira persoa, vai recordando os distintos pormenores que poboaron a súa experiencia laboral, para acabar constatando como malgastou a súa vida de forma estúpida e -o que é peor- irrecuperable. No ano 1995 publica Os inconsolables, unha obra inclasificable e enigmática, chea de pequenas narracións que se van introducindo no labirinto da narración principal e na que cunha escritura onírica e naturalista ao tempo, conta unha historia de guerras do pasado, exilios e crueldades, relacións imposibles entre pais e fillos, maridos e mulleres, cidades e artistas.A esta seguiralle no 2000 Cando fomos orfos, definida pola crítica como “sorte de caprichoso reflexo da obra enteira de Ishiguro”.Non me deixes nunca, publicada no 2005, constitúe a súa última novela, quedando finalista nos Premios Arthur C. Clarke e Booker dese mesmo ano.  Adaptouse para a gran pantalla en 2010 (Mark Romanek); con Keira Knightley no papel de Kathy.A súa máis recente achega está formada por un conxunto de relatos publicados o pasado maio baixo o título de Cinco historias de música e anoitecer, definido polo propio autor como unha obra de ficción en cinco movementos, e que constitúe a súa estrea na escrita de relato breve.Desenvolve tamén unha actividade como guionista. Entre os seus traballos neste eido figuran: The saddest music in the world, do 2003, A condesa rusa, do 2005 e Non me deixes nunca, do 2009.

 

Advertisements

About falemosdelecturas

Contáctanos en falemosdelecturas@gmail.com
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

2 Responses to Xuño: Non me deixes nunca- Kazuo Ishiguro

  1. Anxo di:

    Ola, onte rematei a primeira parte (páxina 171) e é un libro que me gusta moito, ao empezar sorpréndeme con que non hai unha introdución, empeza o relato falando de cousas que dá por feito que o lector sabe, por exemplo “coidadores”, “doadores”, “Vendas”. En cambio cando xurden os “trocos” fai doutro xeito, explica de que vai.
    Tamén me sorprendeu ao dirixirse ao lector en 2ª persoa e refírese ao lector como se este fora un coidador, entendo logo que o texto é unha especie de memoria dirixida a outros coidadores.
    Considero que é un libro de ciencia ficción distópica referida ao pasado recente, casi presente, ao empezar o libro o situa a finais da década de 1990 en Inglaterra, e a 1ª vez que se edita é no ano 2005.
    Gústame moito como está contado, consegue meterme en Hailsham e sentir o que sentiron os protagonistas. Faime comparar Hailsham coa sociedade actual, saliento algunha frases que me chamaron a atención “Hailsham era tan especial pola insistencia en valorar o labor do outro” (pax. 32) e “datos gravados no cerebro sen ter pasado por unha análise”.

    Hai uns días faleceu Ray Bradbury, escritor de Fahrenheit 451, inesquecible libro de ciencia ficción escrito en 1953. Nel, os bombeiros existían para queimar libros, que estaban prohibidos. Para evitar que estes (os libros) se perdesen no esquecemento, creáronse grupos de persoas libro, seguindo esa idea hai uns anos se creou o proxecto Farenheit 451, hai máis información nesta páxina web http://www.personaslibro.org/

    Gustoume ou artigo de Manuel Rivas nel país este domingo (10/06/2012) “La resistencia erótica do libro”, poño o enlace por se alguen non o viu e lle pode interesar, tamén moi chula a ilustración de Eva Vázquez que o acompaña.
    http://elpais.com/elpais/2012/06/04/opinion/1338836104_071734.html

  2. Anxo di:

    Ola, levamos uns 5 meses sen ningún comentario neste blogue, tamén deixaron de poñerse entradas novas, persoalmente considero que o blogue non tivo a vida que desexamos cando nos animamos a poñelo en marcha.
    Nestes 5 meses lin pouco en galego e do que lin o que máis me gustou foi: los enamoramientos, el lenguaje de las flores y Jasper Jones, este último é o que estou lendo nestes momentos e me animou a escribir algo por aqui.
    Saúdos
    Anxo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s