A neta do señor Linh


Como é un libro pequeno decidimos estar con el unha quincena, o plan de lectura do libro é:
Do 2 ao 8 de febreiro comentaremos a primeira metade do libro, ata o capítulo que empeza “Tres días despois, o señor Bark…” (páxina 69 aproximadamente)
Do 9 ao 15 de febreiro comentaremos a segunda mitade do libro e o libro no seu conxunto.

A neta do señor Linh é unha novela pequena e fermosa (E. F. Schumacher publicou en 1973 Lo pequeño es hermoso: Economía como si la gente importara, a frase “Small Is Beautiful” veu do seu mestre L. Kohr, o suplemento literario de The Times clasificou este libro entre os 100 libros máis influintes publicados dende a Segunda Guerra Mundial) de pouco máis de 100 páxinas con 22 capítulos moi curtos.

Pódese ler nunha tarde, pero o consello deste blogue é que se faga unha lectura a modo, disfrutando dos detalles, degustando cada mordiscada, ulindo cada parágrafo.

A novela Conta a soidade do señor Linh, un vello asiático que abandona o seu país, destrozado pola guerra, e levando con el o único que lle quedou, a súa neta e algún recordo. No país que o recibe atopa ao señor Bark, outro home que vive en soidade. Claudel cóntanos os encontros destes 2 homes con linguas distintas pero que son quen de comunicarse e facer que entre eles xurda a amizade.

O estilo é sinxelo, con aires cinematográficos e pode ser aconsellada a súa lectura para unha franxa de idade moi ampla, dende os trece anos aproximadamente ata os cento e pico. Fai rir, chorar e chega ao corazón. O autor consigue comunicar emocións.

A crítica dixo deste libro:
Unha pequena marabilla (Livres Hebdo)
Un relato desacougante que apunta ao corazón da literatura e converte en pracer a lectura (Lire)
Claudel asombra cun relato breve e ardente, con ascuas que non se apagan cando se pecha o libro (Le Monde)
Unha fábula chea de tristura e silencio para ler mil veces (Le Fígaro)

E vós que dicides/e nós que dicimos?, estamos/estades de acordo?

Advertisements

About falemosdelecturas

Contáctanos en falemosdelecturas@gmail.com
Esta entrada foi publicada en Febreiro 2012 Neta señor Linh, Sobre as lecturas. Ligazón permanente.

31 Responses to A neta do señor Linh

  1. xabicuco di:

    Lina hai xa uns meses e gostoume moito. Lina dun tirón, coma quen di. Agora ben, non é de extranar que me gostase pois eu estou vivindo en primeira persoa a experiencia máxica de ser avó (e agora, por segunda vez). Está cargada de dozura, poesía e amor. Parabéns ao que tivo a idea de traela aquí.

    • Anxo di:

      Ola xabicuco, levamos 3 libros lidos no blogue e resulta que 2 xa os leras con anterioridade, menuda casualidade, o blogue ten gustos parecidos a ti na selección de lecturas ou moito les. Parabéns pola 2ª neta 😉 e a disfrutar deles!
      Saúdos

      • xabicuco di:

        Grazas Anxo. Xa disfruto, xa!

        Agora só falta que tamén participe no blogue o Sr Claudel… hahaha!

  2. Anxo di:

    Quedoume pena pasar páxina no blogue e deixar atras a Fran Alonso, pero así é a vida e o blogue 😉
    Por certo, o escritor co que empezamos o club, Paul Auster, está nas librerías dende o 1 de febreiro cun novo libro -Diario de inverno-, me imaxino que Laura e Lorenzo estarán desexando telo nas súas mans 😉

    Estame gustando moito o libro, é destes libros que non te esqueces nunca de telo lido. Dos primeiros capítulos do libro chamoume a atención:
    O xeito de contar a historia, paréceme que estou vendo e vivindo o que conta; a hitoria está contada en presente, pode ter eso que ver co que percibo?.
    O de ir no barco sempre na popa un síntoma de que non quere o presente nin o futuro.
    O feito de que o novo pais non ten olor, a sopa non ten sabor, ao chegar o barco ao porto ninguen fala, menudo panorama!.
    Non se sabe de que país ven o señor Linh, pero o feito de que os compañeiros de cuarto xoguen ao mah – jong e este sexa un xogo chino, apunta a que sexa de aí, pero debe ser un xogo extendido por toda esa zona. Poño enlace por se queredes saber as normas do xogo http://www.mahjong.es/reglas-mahjong ; vexo que hai sitios incluso para xogar on line.
    O da maleta me fixo pensar que metería eu se me pasara algo similar, e o saquiño con terra non se me ocurriría, pero na vida do señor Linh por suposto que ten sentido, a súa unión coa terra tiña que ser impresionante!..
    Non me acaba de cadrar moito a idade da neta -pero non pasa nada por elo, sígueme gustando moito o libro- dise que cando colleu o barco tiña 6 semanas e que a viaxe durou 6 semanas, e por outro lado cando houbo a explosión que matou aos pais da neta, a neta tiña 10 días e dende a explosión ata subirse ao barco non pasou nada, so decidiu irse (?). Por outro lado a nena non require nada de atención -me imaxino que o escritor non querrá quitarlle protagonismo ao señor Linh- e cando van ao restaurante co señor Bark a senta nunha trona, e en teoría os nenos ata polo menos uns 6 meses non poden sentarse, relaciono esto co que nos contaba Fran Alonso de documentarse cando escribe). A min non me cadran estos detalles pero é posible que pasara o tempo máis rápido do que eu intuo e tampouco ten o tema maior relevancia na historia, simplemente percibín eso e o explico.
    Saúdos

    • sentenced wheels di:

      Anxo,
      o que contas do tempo interno do libro paréceme moi interesante. Eu non prestei atención a iso, e moito menos se un neno de un mes pode sentar nunha trona ou non. De feito, nin me dei conta que a sentara nunha trona, eu pensei que a poñía nunha silla, igual que un abrigo. Da neta, teremos que falar, pois é o elemento que diferencia ao señor Linh de ser un exiliado máis nun país alleo a ser o centro de atención de todo o mundo e gañarnos para a súa causa.

  3. sentenced wheels di:

    Ola Anxo, perdo o cu por ler o novo de Auster 🙂

  4. sentenced wheels di:

    o meu primeiro comentario é para a portada. non se vos parece moito á de Manuel Ferrol sobre a emigración? Eu partín de aí.
    http://www.yagly.com/2011/09/homenaje-a-manuel-ferrol-nuevamente-galardonado/

    E o libro recordame en todo momento secuencias e pensamentos dun emigrado máis que as dun exiliado.

    Fáltanme 15 paxinas para rematar a 1º parte. cando as remate, xa xomentarei mías polo miudo

  5. sentenced wheels di:

    Rematada a primeira parte.

    Ummmmm, non sei por onde comezar nin sei moi ben que dicir.

    Empezarei polo título.

    Despois de lidas 70 páxinas, quen é o protagonista do libro, o señor Linh ou a neta? Ou son os dous? Són dúas caras da mesma moeda? Pasado e futuro? Un vello mundo que desaparece e un novo mundo que emerxe?

    No comentario anterior falei de exilio. Logo de escribilo, lin a contraportada e tamén fala de exilio. Pero o señor Linh non é un exiliado, senón un refuxiado (polo de agora). Xa dixen que as primeiras páxinas do libro me lembraba a esa Galicia emigrante. Este libro podería ter sido escrito por calquera escritor galego.

    A mestría deste libro para min é que o lector evoluciona a medida que o señor Lihn (e a súa neta) evoluciona. Un sénte de contado empatía polo vello e a nena e iso que o vello non parece moi avispado.

    Nun primeiro momento a paisaxe non ten olor nin sabor. Só cando se afai ao seu espazo dentro da casa de acollida na que vive e acada a independecia do resto de compatriotas que o miran por riba do home é cando o señor Lihn se sente máis a gusto.

    É curioso como pasamos de ler a novela de FranAlonso onde a incomunicación e a inadecuación ao medio teñen un significado importante a ver como esa comunicación e adecuación ao medio é excluínte entre os mesmos membros dun país ou dunha comunidade pero funciona entre personaxes incapaces de comunicarse verbalmente e que os leva a cómicos e crueis malentendidos. Estou a falar de cando o señor Bark (Ladrido? ou Cortiza?) lle fala da súa experiencia en Vietnam/Camboia e o señor Linh pensa en tiovivos. Pasaríalle a man polos ombros o señor Linh ao señor Bark se entendese o que lle estaba a contar? Recordade que o seu fillo e a súa nora morreron nun arrozal por causa dunha bomba.

    Non sei que máis comentar do libro.

    Tal vez o estilo literario. É poético? Eu penso que non. O libro ten unha clara intención de crear unha atmosfera de entrañabilidade que afecte ao lector e o poña de contado aos pés do cabalo, e non se mova de aí. Eu penso que o dominio tiránico que o narrador fai sobre a narración e os personaxes restan lirismo e credibilidade á obra. Está moi ben para que o lector ria e chore ao mesmo tempo e lle quede o corpo blandiño, mesmo que babee un pouco. Eu prefiro personaxes máis auténticos, máis contradictorios. O señor Linh e o señor Bark son demasiado lineais na súa nobreza de espírito. este conto é moi fácil de tragar. Non sei como vai evolucionar a historia na segunta parte pero de momento é un pastelito.

  6. O malo de ter lido o libro enterio é agora esgazalo para comentar sen ter en conta o final. Claro, nada do que di Anxo ou Lourezo arestora me sorprenden, pero como só é ao final cando se comprende toda a grandiosidade da historia e do libro, vou calar ata o final. Pero está moi ben, Anxo, que te fixaras neses detalles. Grazas a ales podes ir intuíndo as conclusións….

    • Laura di:

      Uy… mal pinta a cousa se hai que ler o final para comentar o libro. Eu sempre preferirei disfrutar da grandiosidade dun libro en cada páxina. Esto é literatura.

      Se para comentar dun libro hai que ter en conta o final, a isto chámolle “noveliña” do montón. Veremos…

  7. Non estou de acordo contigo, Laura. É un libro fermosísimo… quizais non me souben explicar.

  8. sentenced wheels di:

    onte á noite xa rematei o libro. non vou comentar nada da segunda parte pero dicir que o final é moi previsible. eu xa mo imaxinaba polo páxina 60.

    O libro está ben para ler na praia pero non penso que teña moita chicha que comentar. E fermoso e lacrimóxeno pero non penso que sexa un libro para un club de lectura tan canivalesco coma este.

    Laura, tes razón cando dis que é unha novela cativa se te refires a que está pensada para gustar e chorar. Eu penso que un libro así é necesario para aqueles que non len a miúdo, mesmo para os que lemos de continuo tamén é unha illa onde aportar uns días e coller folgos. Ti, por se acaso, Laura, non lle fagas caso a xabicuco, e nunca baixes o diapasón. Non hai nada peor que unha mordaza e menos se o que está en xogo son opinión e gustos.

  9. Laura di:

    Primeiro, decirlle a Xabicuco que o meu diapasón marca 440Hz (la), sen importarlle moito se eu o subo, ou o baixo, ou o axito vigorosamente. Creo que esa é a función dun diapasón, dar o tono, e por eso o merquei: para non perder a perspectiva.

    E despois, coindido con Lourenzo en que esta é unha novela lacrimóxena, moi descritiva e simple, e tampouco me parece que teña moita chicha.

    Aínda vou pola páxina 46, polo momento paréceme un libriño para pasar o rato. Ogallá me equivoque.

  10. Anxo di:

    Ola, desta primeira metade do libro para min o tema central é a soidade e os sentimentos dun refuxiado. É curioso que a pesar de vivir con outros refuxiados do seu pais co único que consigue sair da súa soidade sexa cun habitante do pais receptor, a pesar de que teñen distintas linguas. Pasamos das soidades urbanas nunha sociedade occidental de Ninguen (libro anterior) a unha soidade distinta pero soidade tamén.
    Resultoume graciosa a confusión do nome co Tao – lai e Claudel consigue que ese momento, esa anécdota continue no lector durante varios capítulos.
    Estilo poético? estou de acordo con Lorenzo, para min tampouco é estilo poético, é unha prosa que fala e comunica sentimentos.
    O de regalar tabaco. Que bonito as ganas de dar do señor Linh cando lle regala os cigarros!. Cando eu era pequeno vía que se regalaba tabaco, pero agora hai tempo que non o vexo, o de non regalar tabaco será percepción miña ou será que agora non se regala por influencia das campañas antitabaco?. Non son fumador, e paréceme ben que o señor Linh regale tabaco a Bark, ao ver como disfruta fumando pensa nese regalo para poñelo contento. Do que levo lido non é un libro politicamente correcto co tabaco. Entendo que o tabaco fai mal ao corpo pero entendo que sabendo eso cada un pode obrar en consecuencia e fumar si lle apetece sen ser sinalado co dedo. Paréceme excesivo o que se fai co tabaco, tendo en conta ademáis o que non se fai con outras cousas que sentan mal ao corpo, por exemplo entendo que o usar tacóns é malo para a columna e nos medios de comunicación non fai máis que fomentarse o seu uso, entendo que se deberían facer campañas explicando o problema, a xente usa tacóns sen ser consciente do dano que eso fai ao corpo. Propoño que nas caixas de zapatos con tacóns que superen x centímetros se poña cartel moi grande dicindo que o uso dese calzado dana o corpo e fotos de vértebras danadas 😉
    Ten razón Lorenzo no parecido da foto de Manuel Ferrol do emigrante co da foto da portada deste libro na edición de Salamandra.
    A situación do refuxiado e do emigrante teñen puntos comúns pero penso que son situacións moi distintas; dentro dos refuxiados pode haber moitos tipos, tendo en conta o refuxiado que se relata neste libro vexo bastantes diferencias co típico emigrante galego, pero parece que en Linh tamén se da “a morriña”.
    Que forza exerce a canción que lle canta á súa neta sobre Linh!, cúralle a morriña 😉
    Estremecinme cando ao iniciar un capítulo (máis ou menos páxina 50) ao espertar o señor Linh non atopaba á súa neta.
    Saúdos

  11. Laura di:

    Co libro nas mans agora, para explicar mellor o que quero dicir.

    Para min, este tipo de frases:

    …con la mirada puesta en la estela blanca…

    …escrutando la lejanía en busca de la orilla invisible…

    …la bruma azulada que desciende de las colinas como un chal deslizándose lentamente por unos hombros…

    …mientras la lluvia de noviembre resbala por su rostro…

    Nunca olvidará el mudo sabor de aquella primera sopa…

    no es su país sino un país extranjero y extraño…

    Este tipo de frases son inaceptables. O meu gusto rebélase ante atentados literarios deste estilo, esta plaga insultante de adxectivos empalagosos e gratuitos. Síntoo, pero cóstame un mundo avanzar nun libro escrito en edulcorados tonos pastel. Tanto azucre dame náusea. Non me saco de encima a impresión de estar a ler o exercicio de redación dun adolescente.

    Aparte diso, a historia é almibarada e tópica: vello torpe e entrañable que o perdeu todo, bebé, terra hostil. Que combinación. Abrumadora. Me conmoven máis algúns anuncios da TV que este libro, simplemente porque consiguen collerme desprevenida, mentres que aquí a intención se revela dende a primeira páxina.

    Non hai profundidade algunha nesta lectura. Libro lánguido, sen forza, mortecino. Noveliña meramente descritiva, escrita para agradar-engatusar a non lectores. Perfectamente apta para levar a telefilm de sobremesa. Frouxo, tan frouxo que me resulta case indixesto.

  12. sentenced wheels di:

    Ben, un comentario rápido antes de poñerme a traballar:

    Anxo, encantoume o teu canto de sereas sobre o tabaco e os tacóns. Eu non uso nin uns nin outros pero recoñezo que para min é moito máis prexudicial o tabaco. Eso si, na novela queda xenial. Gustei, tamén, moito da referencia á canción que fas. Ten moita forza esa canción e máis nos beizos dun vello.

    Laura, respeto e comparto a túa visión do libro pero non estou de acordo con que intentes ridiculizalo. Pode que non vaia co teu estilo (co meu, tampouco) pero considero que é un bo exercicio literario con pretensións academicistas. Propoño encher as paredes de compostela con frases deste libro!!

    • Laura di:

      E que parte exactamente do meu comentario che fai pensar que intento “ridiculizalo” ? Estou a dar a miña opinión, igual que todos vos. Ao fin e ao cabo, para eso estamos aquí…. se non podemos decir o que pensamos, apaga e vámonos.

      Esta noite vou facer o meu último intento de avanzar na novela. Se non vai desta, abandono. Non me gusta o libro, principalmente polo abuso de epítetos, que me resulta enoxoso, e o peor é que non se me ocurre nada que comentar del.

  13. Laura di:

    Conseguino!! Cheguei ata o final. Espoleada polos comentarios positivos e as críticas aos meus abrasivos comentarios, enchinme de valor, tragueime o orgullo, e cunha chisca de curiosidade percorrín todas e cada unha das páxinas ata chegar ao ansiado desenvolvemento da historia. Para o meu desmaio – e non farei comentarios da segunda parte polo momento- comprobei que o final é tan prototípico como o resto do libro, e non engadiu nada novo ao resto da tortura. A parte positiva foi que cando rematei a última páxina de presente de indicativo e retomei a miña lectura de Huxley (Os escándalos de Crome) o alivio foi tan abraiante, e o reencontro coa presencia de diversos tempos verbais e o contraste modal tan placentero, que o sentin como unha volta a casa, e apreciei a riqueza da nosa lingua e a forza da literatura en todo o seu esplendor.

    Dito o cal, agora sinto que estou, cando menos, capacitada para dar a miña opinión persoal de este libro, e aclarar punto por punto por que non me gustou. Podedes tirarme tomates, abuchearme, considerarme gafa-pasta ou pensar “que pena de rapaza”, se queredes. O que me gustaría de verdade é que contrastarades os meus comentarios, decindo qué é o que vos gustou deste libro, e en que puntos discrepades conmigo, porque teño, realmente, moita curiosidade en saber qué foi o que me perdín aquí, ou que parte de min está fallando, que historias como esta me deixan indiferente.

    Vémonos axiña!

  14. sentenced wheels di:

    ola!

    Parece ser que todos rematamos o libro, ou non?. Daquela xa non se precisa agardar á segunda quincena.

    Do libro pouco máis que dicir. Disfruto máis co berrinche de Laura que co libro.

    Ben, cando digo que Laura intenta ridiculizar o estilo literario non podo deixar de estar de acordo con ela en que hai un exceso de verborrea máis propio dun principiante que dun bo escritor. É curioso como na contraportda fala de estilo minimalista. Os exemplos que pon Laura máis arriba semellan o contrario. Parece unha prosa barroca ou bizantina.

    Eu non sei, Laura, se intentaches ridiculizar o escritor con tantos exemplos, pero iso foi o que interpretei. Se me trabuquei, non penso pedir disculpas. Á interpretación (hermnéutica ou esexése, que dirían os que saben disto) é así. Nuca hai unha única opinión. Non serei eu, Laura, quen che impida opinar ou escribir o que queiras. Tampouco serei eu quen te tire tomates. Nin a ti nin a niguén, que conste. Polo que lin das túas opinións, unicamente non che gustou o estilo, pero non falas dos personaxes, do argumento nin da mensaxe (se a hai). Cando opines sobre iso (ou otras características do libro) poderemos discutilo de vagar. De mometo, encántame o teu berrinche, Laura!
    😉

    • Ola “sentenced wheels”, o plan de lectura deste libro (figura ao inicio da entrada) é
      Do 2 ao 8 de febreiro comentaremos a primeira metade do libro.
      Do 9 ao 15 de febreiro comentaremos a segunda mitade do libro e o libro no seu conxunto.
      Na segunda quincena de febreiro acordouse A piragua de Cándido Pazó (figura en próximas lecturas dende hai máis dunha semana, pero igual non está moi á vista e non o viches).
      Hoxe é 8 de febreiro, por un día aínda que todos teñamos rematado o libro é millor esperar a mañá para falar da 2ª metade do libro e do libro no seu conxunto, pero senon podes resistir non pasa nada, empeza a comentar do resto do libro cando queiras.
      Un cordial saúdo de “falemos de lecturas”

  15. A partir de agora e ata o 15 de febreiro comentaremos a segunda metade do libro e o libro no seu conxunto.

  16. Anxo di:

    Ola, a segunda metade do libro, tamén me gustou, me pareceu unha historia moi bonita e moi ben narrada, capaz de achegar ao lector os sentimentos do señor Linh.
    En xeral a narración é lineal, chocoume contra o final que houbera un pequeno salto atrás, cando un capítulo remata co señor Linh vendo e chamando ao señor Bark, no seguinte capítulo Bark aínda non vía, non o oía, cando iniciei o seguinte capítulo contaba con Bark xa contestándolle, en cambio aínda tardou un pouco en responderlle.
    Claudell conseguiu poñerme na pel de Linh na fuxida da residencia, resultoume dura a situación que viviu, coa bata, coa zapatilla, coa suciedade e a incertidumbre de se a “peregrinación” chegaría á “meta” a encontrase con Bark, moitas veces o mellor está no camiño e non na meta, pero neste caso o camiño non resultou satisfactorio para o señor Linh.
    Do final non é que me resultara imprevisible, pero así como “sentenced whells” dicía que xa prevía ese final dende máis ou menos a páxina 60, eu ata o final dubidei de cal ía ser o desenlace, de tódolos xeitos máis ou menos o final era unha das opcións posibles.
    O da moneca si que me pillou de sorpresa.Fixome pensar na capacidade do home en certas situacións para crear mundos, crerse certas cousas para poder “sobrevivir”.
    Respecto do comentario de Laura sobre a “boa literatura” eu non son experto en literatura, na miña vida -a parte doutras cousas- leo libros, estou de acordo con ela en que hai libros que conseguen chegar a un nivel literario que outros non chegan, pero eu tamén penso que pode haber bos libros aínda que o seu nivel literario non sexa elevado, este libro sería un deles. Vou facer unha comparación coa fotografía, imaxinemos unha boa fotografía dun atardecer e outra boa fotografía dun tornillo oxidado, para obter a primeira o fotografo non tivo moito chollo, chegou ao alto dun monte estaba poñéndose o sol había unhas cores bonitas no ceo e quedoulle unha bonita foto, igual nin lle fixo falta ter en conta certas regras fotográficas como a dos terzos ou a de dar sensación de profundidade, de 3 dimensións, en cambio para obter a segunda foto o fotógrafo tivo moito máis chollo, que si buscar un punto de vista non convencional, que si buscar unha iluminación lateral, que si un fondo non sei que,…Para min poden ser as dúas fotografías boas, a do tornillo ten máis mérito que a outra. Volvendo a este libro eu o considero que Claudell fixo un bo libro contando unha historía bonita que conecta con bastantes lectores, na comparativa coa fotografía (non é o ideal de comparar pero bueno) o libro de Claudell o situaría máis cercano á fotografía do atardecer, sen por elo quitarlle mérito ao escritor, para min ten moito mérito escribir este libro.
    Saúdos.

  17. Anxo di:

    Quixera dar as grazas e parabéns á editorial Rinoceronte e a Isabel García Fernández (traductora) por posibilitar a lectura en galego deste libro de Claudel

  18. Anxo di:

    Ola, pensando en que portada do libro me convence máis non o teño moi claro, de entrada casi escollería a de Salamandra, gústame a foto, pero a descarto porque prefiro facerme a imaxe de Linh e da súa neta co que vou lendo no libro, non coa portada do libro. Das que están colgadas no blogue qedaríame coa de Rinoceronte ou coa que sae na entrada de Carta ao señor Linh (outra entrada deste blogue), gústame pero a vexo algo infantil para este libro.
    Saúdos

  19. A min gustoume o libro, coma todos os libros deste autor. Sigo pensando que amosan unha sensibilidade extraordinaria e que sabe conxugala coa dor da perda, unha perda en todos os sentidos, para facela nosa.

  20. Isabel García di:

    Ola a todos.
    Son Isabel García, a tradutora de “A neta do señor Linh” ao galego. Anxo invitoume a tomar parte no blogue falando da tradución ou doutros aspectos do libro e aquí me tedes. Non son Philippe Claudel, claro está, e daquela non vos podo dar unha visión de autor; o que podo facer é aportar a opinión de alguén que traballou co texto en profundidade e coñece a versión na lingua orixinal. Espero que isto vos sexa útil.
    No que se refire á tradución… que vos podo comentar? O proceso? Para min é sempre o mesmo: ler e reler o libro, informarme sobre o autor, ler outras obras del se é posible, facerme con traducións da obra noutras linguas (neste caso, español e italiano), ler acerca do contexto histórico e cultural no que se desenvolve a historia… A medida que vou traducindo, procuro ir xa pulindo o texto ao máximo, pero aínda así volvo ler o que fixen cando xa levo varias páxinas feitas e sempre cambio detalles que non percibira na primeira versión. Adoito poñelo nas mans dalgún lector amigo que non fale a lingua na que está escrito o libro orixinalmente, por se detecta expresións estrañas ao galego que haxa que corrixir, e ademais, ao rematalo procuro deixalo repousar uns días. Gústame facer isto porque xa non teño a versión orixinal tan presente e se algo soa “raro” éme máis doado darme conta. Na miña opinión, unha boa tradución non debe deixar ver que o é. De aí que tente usar expresións exclusivas do galego; penso que contribúe a que a lingua faga do texto orixinal un texto propio. Así, poño “pousa a nena no chan con tino” aínda que podería poñer “con delicadeza”; ou “Unha muller estéril e celosa que outrora devecera polo sr Linh”, no canto de “que toleara polo señor Linh”.
    No caso de “A neta…” as maiores dificultades residían no léxico, por exótico. Neste sentido, e dende o meu punto de vista, esa dificultade para min como tradutora responde a un traballo coidado e estudado de creación por parte do autor nos parágrafos que reflicten os pensamentos, as lembranzas e mesmo os soños do personaxe do señor Linh: os seus referentes culturais son ben distintos dos meus, e polo tanto é lóxico que me resulte difícil contalo na miña lingua. Hai termos dos que non se atopa o equivalente en galego, por unha cuestión de uso; no caso de animais e plantas, axuda bastante coñecer o nome científico; outras veces, haise que remitir ás linguas próximas. Falando, escribindo… e traducindo vaise facendo a lingua, non si? E nalgunha ocasión haberá que usar eses termos por primeira vez. Ás veces ocorre o contrario, é dicir, hai que escoller entre máis dun termo. Nese caso, ás veces decido en función da semellanza na sonoridade co orixinal, por exemplo, “citronnelle” en galego pódese traducir como “melisa”, “herba abelleira” ou “herba cidreira”; decidinme por este último por semellanza na sonoridade co termo francés: “cidreira” e “citronnelle”. Ou “bananeiro” para traducir “bananier”, podendo traducirse tamén por “plataneiro”.
    Ao comezo sorprendeume a vosa proposta de comentar a novela en dúas quendas, pero se cadra neste caso é o máis axeitado posto que o final cambia a percepción que ten o lector da historia e do protagonista. A confusión nena-boneca mantense, entre outras cousas, grazas ao narrador omnisciente. Noutras obras de Claudel, como “As almas grises” ou “O informe Brodeck”, ou mesmo “O paquete”, o narrador exprésase en 1ª persoa, é un personaxe. A visión do señor Linh e do señor Bark podería expresarse tamén en 1ª persoa, utilizando un narrador múltiple, pero iso non lle permitiría manter o xogo da nena-boneca, posto que ao falar o señor Bark o lector descubriría todo. O narrador omnisciente pode adoptar o punto de vista do sr Linh, e polo tanto, presentar a realidade a través da súa ollada deformada. Coñecemos os seus sentimentos, pensamentos, recordos. Tamén os do señor Bark, por certo. A mestría do autor está na escolla do narrador omnisciente e en usalo de xeito moi sutil, axudándose da puntuación, en moitos casos: signos de interrogación ou de admiración que transmiten o que sinte o personaxe nese momento, se se alporiza, se non entende, se está a matinar. Por poñer un exemplo, na páxina 103, cando o señor Linh salta o muro do asilo: “…no chan o señor Linh atopa un tronco morto cheo de garranchos. Pousa a Sang Diu na terra, colle o tronco e apóiao contra o muro. Vaille servir de esqueira. Fai unha proba. Si, serve, chega facilmente ao cimo do muro. Pero como vai baixar polo outro lado? E como vai facer coa nena?” O narrador omnisciente ben podería contar o mesmo doutro xeito, por exemplo: “o sr Linh cavila na maneira de saltar sen mancar a pequena, e por fin ocórreselle…”, pero é evidente que resultaría moito menos evocador. A omnisciencia reflíctese tamén na maneira de designar as cousas: aínda que fala o narrador non fala de enfermeiras ou dun transmisor de radio, senón de “mulleres de branco” e “aparello que rincha”.
    Dis, Anxo, que che parece “estar vendo” o que les. Igual ca ti, penso que o uso do presente por parte do autor (moi acertado, na miña opinión) é o elemento que aporta esa sensación, pero tamén os aires cinematográficos dos que falades na páxina de inicio do blogue. Como sabedes, Claudel tamén é director de cine e escribiu guións para o cine e a televisión. Creo que iso se nota na súa maneira de escribir. Así, o señor Linh e o señor Bark son presentados globalmente en 5-10 liñas a primeira vez que aparecen, como fai unha cámara de cine que capta un plano xeral ou un plano americano co que nos facemos unha primeira idea de quen é o personaxe e xa adiviñamos parcialmente como é e as súas circunstancias. Tamén hai outro tipo de planos cinematográficos, como por exemplo, un picado ou un plano cenital ao final do libro, cando o señor Linh está tirado no chan despois de ser atropelado: “O vello está deitado de lado, engruñado. A bata azul aberta a ambos os lados do seu corpo debuxa a corola dunha flor inmensa.”. Mesmo hai unha cámara lenta, citada mesmo textualmente, na páxina 115: “…coma nunha secuencia a cámara lenta que non tivese fin, o señor Linh ve que a expresión do seu amigo o home gordo muda, paralízase…”
    Outro dos comentarios que fas e sobre o feito de que non se concrete de que país ven o señor Linh: Vietnam, Laos, Camboxa? Sabemos que o señor Bark foi facer a guerra ao país do sr Linh, sexa o que for, pero non se concreta que guerra é. Dise que no momento no que se desenvolve a acción da novela tamén hai unha guerra dende hai anos. Suponse que son a Primeira e a Segunda guerra de Indochina, ou sexa, a guerra de Vietnam (1964-75). Nunha entrevista en Le Nouvel Observateur, Claudel fala de Vietnam: http://bibliobs.nouvelobs.com/romans/20070907.BIB0038/une-parabole-sur-la-shoah.html Polo tanto, se decide non nomealo explicitamente entendo que é ao servizo dunha intención: achegarnos ao punto de vista do señor Linh, a quen todo lle resulta estraño, hostil, alleo, xa que por diversas razóns está totalmente illado do que lle rodea. Tampouco sabemos a que cidade nin a que país chega o sr Linh. Só sabemos que é unha cidade costeira, con porto e que está lonxe do seu país de orixe, posto que a viaxe en barco ata alí durou seis semanas. Tampouco se dan nomes de persoas, só o do señor Bark (e o dunha rapaza: Sara, pero é puntual), que non é un nome característica e claramente francés. De feito, o señor Linh non usa o nome do señor Bark, chámalle “o home gordo” ou “o seu amigo”. Se cadra, o non usar nomes tamén serve para darlle un carácter universal ao que conta.
    Coincido na percepción do señor Linh e o señor Bark como personaxes lineais. O que non diría é que son “demasiado” lineais. Efectivamente, eu tamén cualificaría a historia de “conto”; o propio Claudel di que con “A neta…” se achega claramente ao conto. E precisamente por iso penso que o autor crea intencionadamente ese tipo de figura, deixando que o narrador só nos presente os seus aspectos positivos. Se comparamos con personaxes doutras obras de Philippe Claudel, apreciaremos a diferenza: así, en “As almas grises” atopamos personaxes con máis dimensións, tantas, que incluso se chega a enganar ao lector con iso, a facelo sospeitar dun personaxe como culpable dun crime cando o responsable é outro; ou a sorprendelo coa reacción final inesperada do protagonista. Daquela, eu intúo que este tipo de figura “plana” é unha escolla, e acertada, penso eu, para un conto.
    E en canto ao estilo, poético ou non, en xeral non o sei, pero algúns trazos poéticos si que ten. Así, unha pequena homenaxe ao grandísimo poeta Jacques Prévert, ao falar dun país “estraño e estranxeiro”, título dun coñecido poema de 1955, no que entre outros “estranxeiros” cita aos fillos de Indochina e ás bombas incendiarias que labran as súas terras.
    Grazas por convidarme a participar e ata outra.

  21. Anxo di:

    Para min é un pracer poder ler os comentarios que ides colgando neste blogue sobre os libros que imos lendo, ver a visión doutros lectores resúltame interesante. O comentario de Isabel apotortoume moito sobre o libro e achegoume ao traballo de traductor; resultoume especialmente interesante o parágrafo sobre o narrador omnisciente neste libro.
    Moitísimas grazas Isabel por participar e facer que este blogue teña máis vida.
    Xa que Isabel citou a Jacques Prevert poño 2 poemas del, o primeiro está sacado dun libro para nenos de Prevert “Para facer o retrato dun paxaro” con ilustracións de Mordicai Gerstein publicado no 2011 por Factoría K.

    Pintar primeiro unha gaiola
    cunha porta aberta.
    Despois pintar algo agradable,
    algo sinxelo,
    algo fermoso,
    algo útil para o paxaro.
    Logo apoiar o lenzo contra unha árbore nun xardín,
    ou nun parque,
    ou nun bosque.
    Agocharse tras dá árbore
    Sen dicir nada,
    sen se mover. (…)
    Se o paxaro non canta é mala sinal,
    sinal de que o cadro é malo. (…)

    ****************************************************

    Arenas movedizas

    Demonios y maravillas
    Vientos y mareas
    A lo lejos ya el mar se ha retirado
    Y tú
    Como un alga dulcemente acariciada por el viento
    En las arenas del viento te agitas entre sueños
    Demonios y maravillas
    Vientos y mareas
    A lo lejos ya el mar se ha retirado
    Pero en tus ojos entreabiertos
    Han quedado dos pequeñas olas
    Demonios y maravillas
    Vientos y mareas
    Dos pequeñas olas para ahogarme.

    Versión de Enrique Uribe White

  22. Moitísimas grazas, Isabel, por participar e contarnos como é proceso de tradución: resultoume moi interesante e aprendín moito coas túas palabras, que penso utilizar nas aulas. Darnos ademais a túa versión do libro é un puntal para este club. Grazas, por ambas cousas.

  23. Moitas grazas Isabel García. Neste enlace tes un agasallo de falemos de lecturas para os teus ollos e oidos

  24. Isabel García di:

    Precioso. Moitas grazas a Falemos de lecturas… e boa sorte na vosa singradura.
    Ata cando queirades.
    Isabel García

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s