As últimas páxinas de “Ninguén”


Rematamos hoxe a lectura deste libro que tanta paixón está desanoando entre os nosos lectores, visible grazas a tanto comentario. Volvemos incidir: a intervención de Fran Alonso neste foro deu un pulo diferente e case me atrevería a dicir insaciable por que o autor comente as súas ideas e as contraste coas dos nosos lectores. A nós só nos queda engadir unha vez máis as miles de grazas a Fran pola súa implicación e o traballo engadido que supón estar connosco nestas tres semanas.

As últimas páxinas foron apaioxoantes, esa é a nosa impresión. Tres foron as historias: “Pola boca morre o peixe”, “Esperando” e “Lista de correo”. Cal vos gustou máis? É importante ese “Epílogo do autor” para entender mellor o libro? Quédavos xa definitivamente claro o que son os “hoax“?

E agora que rematamos o libro, cal é a vosa opinión conxunta? Respondeu ás vosas expectativas? Grazas a este libro, apetécevos afondar máis no universo literario de Fran Alonso? Que destacariades del?

Convidámosvos a coñecer o novo poemario de Fran Alonso, “Transición” e a visitar o seu blogue: http://cabrafanadablog.blogspot.com

About falemosdelecturas

Contáctanos en falemosdelecturas@gmail.com
Estas entrada foi publicada en Opina, Sobre as lecturas, Xaneiro-Ninguén coas etiquetas . Ligazón permanente.

25 Responses to As últimas páxinas de “Ninguén”

  1. Encantoume o libro no seu conxunto, aínda que recoñezo que gocei moito destas tres últimas historias, non sei se por algún axente externo ou polo desenvolvemento do libro.
    “Pola boca morre o peixe” é a esaxeración infinita, a loucura dun tema, a negación desta loucura por parte de quen a padece e o conseguinte temor de quen o rodea.
    “Esperando” é unha situación que se pode dar en calquera momento: o coñecemento doutra persoa a través da rede, a posibilidade da mentira, pero tamén o anceio de conectar, de coñecer, de chegar máis alá. O resentimento e o desexo. A soidade da nosa sociedade que nos converte en mergulladores de sentimentos a través dun ordenador. Poder mentir e inventarnos ser outro.
    “Lista de correo” é interesantísima. Agora quédame moi claro o que é un “hoax” e a febleza da que podemos ser obxecto de non estarmos máis enteirados do que hai. Encantoume que falase de temas como os “Actimel” porque eses correos tamén chegaron ao meu. E como se vingou o escritor dos “políticos” foi graciosísimo. Toda a historia, en fin, encantoume, mesmo o feito de que fale de facer os horóscopos con sensibilidade. Recoñezo que tamén me sentín cercana porque eu tamén me mergullo nos correos e nas redes sociais cada día.
    Non sei dicir arestora se é esta a miña historia preferida, pero si foi unha das que máis me gustou.
    Reitero as grazas ao autor, el fixo posible un enriquecemento destes comentarios que non sería posible sen a súa presenza.
    E recomendo o libro, por suposto.

    • «Pola boca morre o peixe» é unha historia que constitúe unha reflexión sobre a nosa relación coa alimentación nos tempos de hoxe, relación, tamén complexa, tamén mediatizada, onde inflúen moitísimo a publicidade, a distribución da riqueza e dos alimentos, o consumismo, a falta de tempo, os hábitos de vida, a vertixe social, as enfermidades de novo perfíl (cardiovasculares, primordialmente). A nosa maneira de nos achegar aos alimentos (onde o fresco está en vías de desparición) non ten nada que ver co xeito sinxelo e natural de alimentarse que era propio dos nosos avós e avoas (os produtos do mar, da horta, etc). Se cadra por iso, a alimentación pode converterse hoxe nunha obsesión para determinadas persoas (a anorexia e a bulimia son os extremos que, por certo, xa tratei en «Males de cabeza»). Pero, á vez, o relato está mediatizado pola investigación e o coñecemento científico. Nese sentido, esta é unha historia moi especial, porque foi escrita cuns condicionantes moi determinados. Pero antes de explicalos, debo dar conta doutra cuestión. Eu, como escritor (como todos os escritores/as en xeral) recibimos con certa frecuencia solicitudes de textos (poemas, relatos, etc) que nos encargan para proxectos concretos, habitualmente desde entidades ou institucións. Cando eu recibo un encargo dese tipo só o acepto se vexo que son capaz de reconducilo e enmarcalo dentro dalgún proxecto persoal dos que eu teño en marcha (habitualmente seis ou sete de xeito simultaneo). Se non é así, non acepto. Este foi un deses cargos. Este relato é o resultado dun encargo do Instituto de Investigacións Mariñas a unha serie de escritores e artístas plásticos para que traballasemos conxuntamente con científicos/as para xerar, a partir desa colaboración, unha creación artística. Eu traballei cunha científica, chamada Isabel Medina (como vedes, metina a ela mesma no relato, como recoñecemento e ao tempo divertimento literario) que se dedicaba a investigar a actividade dos Polifenoles das Uvas como Inhibidores da Oxidación das Graxas de Peixe e do Músculo de Peixe Conxelado. Dos nosos encontros, das nosas conversas, xurdiu este relato, que eu vin claramente que podía encaixar en «Ninguén». Pero confésovos que me custou moito entender o que facía, a pesar de que a vin traballar no seu laboratorio, e tiven que estudar bastante ao respecto. Ora, foi unha experiencia interesantísima.
      En canto á historia final, «Lista de correo», era como o gran pulso, o texto máis difícil de todo o libro, o que tiña que provocar o sentido final do anterior. «Lista de correo» é o final dun camiño, ese lugar do mar onde a estela desaparece; é a explosión, o motivo recobrado, un berro de liberdade que mestura narración, ensaio e investigación nun libro onde, sobre todo tecnoloxía, pero tamén ciencia, están presentes.
      E en canto ao teus agradecementos, vaian por diante tamén os meus, polo voso interese e polo debate.

  2. Anxo di:

    Pareceume moi mal que S. Lonely lle fixera o que lle fixo a Alone en “esperando” polo que decidín tomar cartas no asunto e enviar este hoax aos meus contactos 😉

    ************************************************************************************************************************

    De: enola@gmail.com
    Asunto: gasolineiras sen cobertura
    Data: 24 de decembro do 2012
    Para: slonely@gmail.com

    GASOLINEIRAS SEN COBERTURA

    Danse casos en que clientes queren pagar nas gasolineiras con tarxeta e por distintos motivos (beneficiarse de descontos, acadar agasallos, non dispoñer de diñeiro en efectivo,…) e por distintos motivos (fallo na lina telefónica, fallo na conexión a internet, tarxeteira defectuosa, …) os clientes non consiguen realizar o pago.
    Ante eso a OCG presentou unha queixa ante as empresas con gasolineiras en Galicia (Repsol, Cepsa, Shell,…) que foi tida en conta.
    A OCG e as GG (gasolineiras galegas) acordan encher o depósito gratuitamente aos clientes que non poidan pagar con tarxeta nas gasolineiras (DOG 10.10.2010).
    Para que a gasolineira encha gratuitamente o depósito os clientes afectados deberán presentar impreso este email acompañado dunha fotografía tomada o día no que se produxo a incidencia tomada nos arredores da gasolineira dalgún elemento salientable da arquitectura desa zona (horreo, cruceiro, campanario, …).
    Somos conscientes de que hai moitos clientes afectados por non poder pagar con tarxeta que poden facer valer os seus dereitos se este email chega a eles.
    POR FAVOR, DIFUNDE ESTA MENSAXE ENTRE OS TEUS CONTACTOS

  3. Anxo di:

    Ola, onte rematei con este libro co que pase bos momentos neste mes.
    “Pola boca morre o peixe” resultoume gracioso, o máis gracioso do libro, pero non o meu preferido, quedoume a imaxe do salón do protagonista coa mesa presidida polo peixe, menudo chollo para que non de cheiro!!!!.Resultoume especialmente gracioso o final, cando Isabel lle di por teléfono “pola boca morre o peixe e o protagonista queda desconcertado.
    “Esperando” gustoume especialmente, eu non son puntual, teño tendencia a facer cousas ata o último momento e despois sempre teño que ir correndo aos sitios e aínda por riba chego con atraso, pero so 5 ou 10 minutos, non son o caso de Lonely. Que conste que hai uns 18 anos tiven unha cita pero non como a do relato, senón para xogar ao tenis e esquecinme totalmente, non aparecín. A historia de “Esperando” seguiu conmigo facendome preguntas como, cal sería o motivo polo que non apareceu Lonely?, cal sería a vinganza da protagonista a Lonely?, Por que se dan mentiras nunha relación de internet?.
    Tamén me gustou “Lista de correo” con hoax que tiña recibido hai anos (cando non sabía que se chamaban hoax) como o do Actimel ou o de reutilizar o leite, o tema da privacidade en internet co das listas de correos, dende hai un tempo se mando emails a varias persoas procuro usar o de ocultar os enderezos dos demáis destinatarios. Con esto de que haxa certos hoax nos que se fai difícil descubrir se é unha mentira ou non, pode xenerar certa desconfianza de calquera email dese tipo e algúns poden ser certos e non ser logo hoax.

    O título do libro pensó que está acertado, por un lado é o título dunha das historias, pero tamén pensó que ninguén é o fio que une estos relatos, os protagonistas viven na soidade, están con Ninguén, e tamén é unha palabra con certa forza/peso en certos relatos e momentos, por exemplo no relato “Home Vello Muller Vella” aparecía bastantes veces, no final de “Esperando” aparece unha frase feita so con esa palabra.
    Unha vez rematado o libro tamén quixera comentar sobre a portada (noutras entradas deste blogue comentamos xa algo ao respecto) que me gusta e a vexo interesante e con sentido neste libro. De tódolos xeitos se a fixera eu penso que lle poñería unha roupa máis normal, sacaríalle o casco, e poría máis pequeno facebook (como sae nos tubos máis alonxados), pero entendo que a portada dun libro é como un escaparate, e se teña en conta para propiciar certas vendas.
    Chamoume a atención un comentario que puxéchedes no inicio dos comentarios (busqueino pero agora non o atopo) deste libro no sentido de que internet pode acercarte aos que están lonxe, pero tamén pode alonxarte dos que están cerca, o cal podería xenerar situación enfermizas para a saúde mental das persoas, polo que propoño que internet nos acerque aos que están lonxe pero non nos alonxe dos que están cerca.
    Saúdos

    • Ola Anxo:
      Si, recoñezo que a de «Pola boca morre o peixe» é unha historia tan extravagante que resulta cómica. Efectivamente, pretendín facer unha caricatura das nosas obsesións coa alimentación, e tamén co xeito co que nos relacionamos con algo que é fundamental para o corpo: coa comida. E, así mesmo, relacionalo coa investigación científica, e tamén coa tecnoloxía.
      O final foi un momento de lucidez, deses finais rotundos que tes a sorte de que se che ocorran. E, en canto o rematei, xa percibín que nese final estaba o título. Tiña que ser.

      «Esperando» é unha historia que tamén ten que ver co que sucede cos hikikomori. A través dela podemos percibir unha relación, mediatizada, que se sustenta sobre medias verdades, na que se dá un xogo de apariencias, onde cadaquén xoga coa súa propia identidade a conveniencia, e como iso, logo, á hora de confrontalo no mundo real, unha vez tomada a decisión de pasar do virtual ao real, se converte nun freo, nunha barreira, en inseguridade para os dous personaxes: para S. Lonely, que non aparece (quen sabe se porque nunca tivo pensado aparecer ou porque a un ser coma el lle dá medo enfrontarse á verdade, á realidade); e para Alone, que espera, insegura, e incrédula, sen resignarse a que lle suceda o que lle está a suceder, que se nega a admitilo porque admitilo é asumir un fracaso da vida real (o que é moito máis grave que un fracaso da vida virtual).

      Eu creo que tes razón no que dis da desconfianza. Efectivamente, eu mesmo ás veces dubido ante a verosimilitude de determinados correos. Buscan enganarnos, non hai dúbida. E fano tan ben que ás veces o consiguen. Con ese cometido están creados.

      Con respecto ao título, eu son partidario de títulos moi sintéticos, rotundos, definitorios e de poucas palabras. Fíxate nos títulos dos meus libros:
      Tráiler, Silencio, Ninguén, Subversións, Poetízate, Cidades. Silencio e Ninguén xa están emparentados desde o título. Tráiler é moi explícito e moi material. Subversións irradia a postura ideolóxica do poemario. Poetízate é un convite practicamente publicitario… Tamén teño títulos máis longos (pero nunca moi longos). O máis longo dos meus títulos é «Persianas, pedramol e outros nervios», co que naquel momento (1992) pretendía fuxir da estética dominante na poesía galega, crear desconcerto, provocar, e mesmo ridiculizar os títulos compostos con estruturas sintácticas semellantes. Logo, cos outros, tamén tratei de que as súas palabras constituísen frases emblemáticas ou de certa contundencia: Males de cabeza, Territorio ocupado, Cemiterio de elefantes… Para min os títulos son moi importantes. Moito. Definen o libro, preséntano «en sociedade», márcano. Case sempre se me ocorre o título ao principio, ao comezar a escribir.

      Con respecto á cuberta, escribín algo sobre iso no meu blog, así que che deixo o enlace por se queres lelo:
      http://cabrafanadablog.blogspot.com/2011/10/busca-e-traxectoria-dunha-imaxe-para.html
      Evidentemente, o que sucede na foto de cuberta debe combinar a miña identificación coa imaxe e/ou co texto coa propia visión do fotógrafo e a súa lícita independencia creativa e coa súa capacidade de interpretación.
      E todo o que ten que ver coa foto (igual que todo o que ten que ver cos textos da portada, co acabado do libro, co deseño de interiores e mesmo ás veces co meu propio discurso) constitúe a parte extraliteraria do libro, iso ao que os críticos lle chama o paratexto é que en principio non forma parte da literatura. Pero todo iso é moi importante para a percepción e a transmisión social do libro.

      Paréceme unha gran frase, esa de «Internet pode achegarte aos que están lonxe pero tamén pode afastarte dos que están cerca». Compártoa totalmente.

  4. sentenced wheels di:

    Antes de comentar esta última tríada de historias, queria apuntar que comentar as tres historias nun único post páreceme inadecuado porque se sintetiza todo a un único comentario. Pero… pola boca morre o peixe.

    tamén indicar que se nun primeiro momento era Lourenço, despois perdín o ç e pasei a ser Lourenzo, agora tócame ser Sentenced Wheels, polo distanciamento dramático, máis que nada…

  5. sentenced wheels di:

    Pola boca morre o peixe.

    A primeira diferenza que se produce entre esta historia e as anteriores é que o seu prota fala desde o presente: “Non sei como cheguei a esta situación. O caso é que me sinto iin capaz de resolvela.”

    Como xa apuntou Fran Alonso máis arriba, racha coa liña literaria do libro e se enmarca nesa outra etiqueta de thriller psicolóxico, o mesmo que “Ninguén”. Eu penso que deberían ir seguidas, sen o relato “O edificio Benestar Social” en medio.

    É unha historia moi cómica. O seu prota nada ten que ver cos personaxes anteriores nin a situación habitacional é similar ás anteriores.

    Este protagonista sen nome é un friki obsesionado coa comida. Primeiro prob a comida basura, logo pásase á vexetariana e logo remata por converterse nun “peixívaro”. O motivo de por que estes cambios nin el mesmo o sabe .

    De comer peixe pasa a ter unha casa-cetárea adornada todo con motivos peixeiros onde sobresae “o centro da mesa do salón, sobre a que sempre hai un peixe […] marcando terreo”.

    Que orixinal, non? en vez de flores, un xurelo, unha pesacada, un sargo, unha meiga, ou “a señorial presencia dunha faneca.” A verdade é que teño que dicir que Fran Alonso ten un excelente e estrañísimo sentido do humor. Espero que non lle ocorra como a min, que o simple cheiro a peixe me dá náuseas. Fran, se foi un encargo literario, podo entendelo e espero que che pagasen ben por el… porque se non, pasas por sei o rei dos frikis (xa sei que dixeches máis arriba que non te identificabas cos teu personaxes, pero…)

    O que máis me sorprende da historia no é a figura deste estraño personaxe senón a influencia que ten o tío gugel sobre el (cousa que tamén pasa noutras historias). En vez de facerlle caso a unha científica prefire investigar pola súa conta e facer pseudo-ciencia. Ai, señor, para que cona se inventaron as bibliotecas!!!!! Parece que teñen os días contados!!!!

    O paralelismo que fai Isabel entre o prota e o peixe é sublime. Aínd non parei de rir. O rapaz a falarlle por teléfono do moito que lle pon o peixe, mesmo eroticamente, e o único comentario de Isabel é “pola boca morre o peixe”. Máis nada.

    • Tes razón, é un friki obsesionado pola comida… pero, no fondo, se o pensas ben, tod@s somos un pouco así, aínda que a menor escala. Anorexia e bulimia son enfermidades apegadas ao noso xeito de vivir. E, nunha liña máis suave, tod@s nos vemos nalgún momento obrigados a controlar ou regular ou estandarizar ou cambiar ou incrementar os alimentos da nosa dieta ou determinado tipo de alimentos. As doenzas hoxe teñen moito que ver coa alimentación e iso é algo que se nos transmite a través dos medios día tras día. Ademais, a información sobre saúde alimentaria ten moita presenza nos medios, ás veces porque é interesada, ás veces porque é pedagóxica e, case sempre, porque resulta do seu interese. O ácido úrico, a tensión, o colesterol, os problemas coronarios, a vida sedentaria, a falta de exercicio físico, os hábitos rutinarios… acaban por facer que, nun momento ou outro, a alimentación pase a un primeiro plano da nosa vida e que a nosa relación con ela sexa tensa, incómoda, difícil. É un tema de primeira orde no mundo de hoxe e non podemos esquecer o peso que a industria alimentaria exerce sobre nós. Novamente, é un tipo de relación mediatizada, como dixen anteriormente. Polo medio está a publicidade, o márqueting, os distribuidores, a información (que en moitísimas ocasións é interesada), etc. Nese sentido, o relato responde ao espírito dos anteriores. Xa que logo, e malia as obsesións profundas do personaxe, que é extravagante, o tema que trata é un tema moito menos friki e moito máis rutinario do que parece.

      En canto ao cheiro do peixe, ao contrario, a min gústame profundamente. Gústame porque está ligado á miña vida desde a infancia, cando saía con meu avó (finais dos anos 60 e principios dos 70) a pescar ao mar, ou a largar as redes. Son neto de mariñeiro e daquela na miña casa comíase peixe a diario (canto o boto de menos!). Agrádame ver e sentir o peixe na praza, na lonxa, nas gamelas, nas chalanas, nos barcos, no mar. Pero… en todo caso, dis ben, o protagonista e mais eu nada temos que ver.

      O de google, claro, é unha das vocacións deste libro: falar das novas tecnoloxías en relación coa influencia que exercen nas nosas vidas, en como as condicionan. O libro, ademais, inclúe unha forma de narrar que ten que ver co ensaio, coa investigación, que é algo que a narrativa europea está a asumir con forza nestes momentos. Diso falo máis de vagar na longuísima entrevista que sae comigo no número de xaneiro de Protexta, o suplemento literario da revista Tempos Novos.
      A tecnoloxía puxo nas nosas mans a información. E púxoa de xeito espectacular. O debate, a cuestión, está en saber se somos quen de manexala, de aproveitala e, sobre todo, de filtrala, de peneirala. Sobreinformación, esa é unha das claves do noso tempo e un dos xeitos máis invisibles e sutís, pero eficaces, de censura, que se puxo en marcha a partir da Guerra do Golfo de 1991, xusto no momento en que eu estaba a escribir Tráiler, a miña primeira novela, novela na que o bombardeo e a transmisión da información radiofónica ten unha presenza moi notable.

      Se van desparecer ás bibliotecas? Se o megapoder que exerce o control sobre as circunstancias desta crise non acaba con elas (que lle gustaría!) non van desparecer (algunhas poucas si, e de feito xa as hai que se transformaron en pistas deportivas ou centros culturais), pero desde logo van transformarse radicalmente. E iso ten que ver coa sociedade dixital, cada vez máis dixital que estamos a construír, sociedades nas que a información cada vez ocupa menos espazo físico porque é virtual.

  6. sentenced wheels di:

    Esperando.

    Curiosa historia, que non relato. Vin moito de realidade. Poucos son os que non utilizan as redes sociais. Agora que os programas de intercambios de arquivos están pechados é o único bo que queda na rede…

    Coñezo situacións moi similares á da protagonista. O que me chama a atención é que chegue a esperar catro horas. Xa son horas, non? Eu penso que con pouco máis de media hora lle chegaba.

    Gustei moito da maneira en que a protagonista, Alone, se engancha de S. Lonely, pero me parece excesivo. É un pouco incongruente que non se dea conta das mentiras e enganos que se din por internet ata que se dá de fociños coa realidade. Suponse que nun adulto afeito a utilizar estas redes ten que ter un pouco de experiencia e saber distinguir o gran da palla, aínda que non é doado.

    É curioso a maneira e que reaccionamos ante o descoñecido en internet. A facilidade coa que creamos falsas expectativas que nós mesmos imaxinamos. Eu, que sempre dixen que a rede non me poñía nada, debo recoñecer que tamén utilicei, aínda que escasamente, este tipo de programas para coñecer xente. Pero aburríanme mortalmente. A pregunta é: a rede conecta ou desconecta? Xa respondeu Fran Alonso noutro momento á galega: depende. Eu penso que onde haxa un café ou un viño e unha boa conversa que se me quite de diante calquera falso perfil da top model do momento.

    O que non gustei deste conto é o nome dos seus protagosnista, Alone e S. Lonely. Parecen almas xemeas pero nada máis lonxe da realidade. Son seres solitarios? A min non mo parecen. Máis ben semellan apáticos. Eu, de ser Alone, nin de coña esperaría catro horas!!!!

    • Por que espera Alone tanto tempo? En realidade, o seu nome xa o indica. Se estás «alone», estás igual de «alone» nunha cafetería como na casa. Polo demais, a resposta está no que lle comentei a Anxo: non se resigna a que lle suceda o que lle está a suceder, négase a admitilo porque sería asumir un fracaso que para unha persoa como ela, como Alone, é demaisado duro. Ademais, ambos os dous están inseguros. A relación é unha relación de medias mentiras. Pódese habitar con seguridade o país das medias-mentiras?
      Non me cabe dúbida de que ti, Sentenced Wheels, non esperarías máis de media hora. Supoño que Lourenzo e Lourenço tampouco, non? Ou non? Eu, coñecéndome, esperaría tres cuartos de hora. Podería incluso, chegar a unha hora. Ademais, hai xente que chega sistematicamente media hora tarde. É como un marca de personalidade. Non coñecedes a ninguén así? Entón, se cadra, esperaría ata unha hora. Pero Alone, coñecéndoa como a coñezo, esperaría moito máis. Porque é moi distinta a min. E porque os seus medos e preocupacións tamén son distintos.
      E, ti que dirías?: que non se dá conta das medias mentiras ou, simplemente, que as acepta porque ela tamén as utiliza? Porque, se cadra, é iso. Non sei, tampouco llo preguntei, pero eu creo que hai bastante diso na súa personalidade. Pero é que determinado tipo de persoas precisan das medias mentiras para dar pasos adiante, para superar os seus temores. Ti non. Eu tampouco. Alone… creo que si.

  7. Anxo di:

    Ola, no blogue de Fran Alonso sae un video moi divertido sobre a veciñanza, e unha amiga de Fran lle viu parecido coa veciñanza que aparece en Ninguen, se vos apetece velo está neste enlace
    http://cabrafanadablog.blogspot.com/2012/01/vecinanza-segundo-bruno-bozzetto.html

  8. Laura di:

    Ola, compañeiros! Estou a disfrutar enormemente deste debate.

    Pola boca morre o peixe:

    Parecéume un relato moi curioso. Non lle vexo moita conexión cos anteriores… este relato o vexo máis na liña de “males de cabeza”, e para min trata fundamentalmente da obsesión.
    Tocoume moi de preto no terreo profesional (Sí, hai un tempo tamén eu investigaba esas cousas de nomes raros e, para desmitificar un pouco o tema, confeso que recurriamos ao tío Google máis do que Lourenzo alias Sentenced Wheels probablemente pensa. Eso sí, tío Google Académico, non tío Google Voy a tener suerte, que non eramos tan trapalleiros.)

    Pola abundancia de detalles profesionais, sí que notei que Fran Alonso se tiña que ter achegado dalgún xeito a este terreo da investigación -así que non me sorprendeu ler o seu comentario a Gracia, nen que Isabel exista realmente- . Non todos os autores se toman a molestia de traballar sobre aquilo do que escreben! Neste relato, notábase que os detalles eran demasiado realistas como para seren inventados, pero dalgún xeito tamén percibín que estaban contados dende un punto de vista profano, -igual por adoleceren de certa xerga na exposición dos mesmos, ou tal vez por exceso de organización ou por incluir demasiados detalles innecesarios-. En calqueira caso, valoro moito a “intrusión profesional” e o interese/curiosidade de Fran Alonso, ou/e do protagonista do relato.

    O protagonista é un auténtico extravagante. A súa obsesión é coma unha bola de neve que empeza pola comida e remata empapando a súa vida toda. É curioso como todos (Lorenzo, Anxo) nos imaxinamos o cheiro do seu piso. A min o peixe encántame, pero definitivamente non como ambientador.
    Eu tamén vexo claros a cara e o xesto que Isabel fai ao outro lado do auricular, o seu dedo na sen indicándolle aos seus compañeiros no laboratorio “é o chalado outra vez”. A resposta de Isabel tamén me fixo moita gracia, é seguramente a mellor resposta posible ante un caso así.

    Nalgúns casos a mellor opción é calar a boca, non si?

    • Non hai ningunha dúbida de que esta é a historia que máis se aproxima ao espírito de «Males de cabeza». De feito, encaixaría perfectamente nese libro. Ora, á marxe da extravagancia do protagonista, creo que o tema da súa relación cos alimentos está máis próximo a nós do que semella, e non vou incidir niso porque xa o comentei anteriormente.
      Desde logo, a historia está documentada (como todas as miñas, por outra parte) e traballei conxuntamente cunha científica, que era Isabel, como xa comentei. Evidentemente, non son especialista e resulta normal que alguén con máis coñecementos ca min nese ámbito poida atopar fisuras que, non obstante, non perciben os lectores/as habituais.
      Dixen o de “documentada como todas as miñas”, porque esa é unha premisa básica de todo o que escribo: a documentación. Nunca escribo sobre nada que non coñeza ou que non me documentase antes. Podo escribir sobre cousas que non coñezo, pero antes realizo un intenso proceso de documentación que me achega ao tema. Recoñezo que me poño de mal humor cando estou lendo libros que percibo que están mal documentados. Eu creo que un escritor debe documentarse ben sobre o tema ou temas que vai abordar. Eu, se non o fago, non son capaz de comezar a escribir. A inseguridade supérame, paralízame. E, se non son capaz de documentarme sobre algo, non escribo.
      Por exemplo, para escribir “Males de cabeza”, entre outras moitas cousas, visitei un psiquiátrico. Para escribir “Tráiler” estiven viaxando durante seis meses con camioneiros en tráilers, por España, Francia, Alemaña, Italia. E un dos libros para os que máis me documentei é “Cartas de amor”, un libro polo que sinto unha querencia especial. Ese libro é produto de moitas viaxes pero tamén dun intenso proceso de documentación. E, con frecuencia, adoito ter longas conversas con persoas que me contan as súas experiencias, as súas vivencias, os seus problemas, e que me axudan a ubicarme. E, na vida diaria, procuro ter as orellas moi abertas.

  9. sentenced wheels di:

    Lista de correos

    É o colofón do libro (a excepción do epílogo, que ao meu ver sobraba). É o protagonista convertido en autor, ou é ao revés? É meter no mesno relato os ingredientes espallados polo libro, exceto o ruído dos veciños, que, despois de jodernos a vida durante unhas 60 páxinas, curiosamente, quedan á marxe.

    Esa dualidade coa que xoga o narrador, protagonista e testemuña indireta, dálle moita vida ao texto. Calquera lector pódese ver dentro da historia. A súa vida transcorre polos camiños habituais mentres que os camiños virtuais o deixan un pouco frío. Séntese interesado polos correos que recibe pero tampouco lle dá demasiada importancia. Son unha parte tanxencial do seu traballo.

    Persoalmente, opino o mesmo. Internet está ben, pero non deixa de ser unha porta máis que se abre ou se pecha sen lle dar máis importancia que a que ten a televisión, o móbil ou calqueira outro vieiro de comunicación. Evidentemente nunca substituirá á calor dun viño nun bar…

    • Con respecto ao que dis do epílogo (iso mesmo díxoo, por certo, un crítico), como escritor reivindico teimudamente a importancia do discurso literario e a súa capacidade de comunicación cos/as lectores/as. Se non crese niso, non estaría contestando os vosos comentarios con tanto detalle. Máis alá da ficción, entre autor/a e lector/a ten que haber outro tipo de comunicación directa, que se materializa nos limiares, nos epílogos, nas entrevistas, nos artigos de opinión, nos clubs de lectura, nos debates, nos foros, etc.
      Os ruídos non poden protagonizalo todo porque sería repetitivo, pero non desaparecen: na páxina 184 o protagonista escoita o portazo do veciño de arriba e di: «os ruídos devólvenme á realidade».

  10. Laura di:

    Neste post vou comentar varias cousas das que esquecín falar antes.

    Empezo pola cuberta. Fran, estiven no teu blogue e mirei o que contas sobre a portada. Xa o comentei previamente neste blogue, a portada chamoume a atención por “fea”, eu aquí sí que discrepo contigo. Por “fea”, non quero dicir que sexa antiestética (non creo que unha portada dun libro deba ser estética e agradable), nen pouco suxerinte (non penso que unha portada teña que estar sempre ligada ao contido do libro), nen que provoque unha impresión desagradable a priori (ás veces, sucede que ao principio non che gusta unha foto, e despois, canto máis a miras máis punto lle atopas). Por “fea”, neste caso quero dicir: as tres cousas a un tempo!

    Esto é unha cuestión de gustos, pero para min a portada de Ninguén é horrible, e non lle fai ningún favor ao libro. Gústame moito, moito máis a primeira proba que amosas, cos edificios de fondo, e sobre todo a túa foto co casco posto! 🙂

    Agora en serio, a portada de Ninguén atópoa escura, sen gracia, anacrónica (nada de moderna). A pose da rapaza é antinatural e a propia rapaza ten unha figura ben pouco graciosa. O vestuario non é deste mundo. A rapaza non pisa no túnel, está “mal pegada” na fotografía. O símbolo de facebook tamén canta demasiado, grande e moi artificial, non pega nin con cola. As cores dese símbolo agreden á vista. Os brillos no fondo tamén, e non son naturais.
    O conxunto casco -móbil (o máis importante da foto) non destaca tanto, o que fai que en lugar de chamar a atención á primeira, sexa como un detalle máis, confuso, sen moito sentido, que fai dela algo tremendamente desconcertante. Nen sequera me queda claro se os túneles son túneles, ou ben naves espaciais, (ou unha retina dun ollo?). Aceptando que sexan túneles, cántos túneles hai? Supoño que tres, pero só porque hai un triplicado da rapaza. Clons? A estética suxíreme unha peli de marcianos dos 70, de serie B.

    Perdoa, Fran, por escribir públicamente esta opinión. É puramente persoal, e quede claro que falo dende a ignorancia total, xa que non sei nada de fotografía, pero quería explicar máis ou menos por qué a foto escollida non me gusta e as sensacións negativas que me evoca.

    Nalgún lugar deste blogue comentaba Anxo que non lle gustara a cuberta de “Males de Cabeza”. A min en cambio, aquila cuberta sí me gustara. Parecíame angustiosa, non fermosa precisamente, pero sí moi efectiva.

    Onte pola noite descarguei do teu blogue o libro “contesta ou disparo”, empecei a lelo e case xa o rematei. Pasei un moi bo rato con él, é un libro fresquísimo… pero esa é outra historia, o caso é que ese libro tamén ten outra cuberta que me gusta.

    Acerca dos teus títulos, parécenme todos atinados e con gancho. Por suposto que o título dun libro é moi importante. “Ninguén” é un bó título, axeitado e suxerinte, pero de toda a túa escrita, o título que máis me chega é “Poetízate”. Brillante! Poetizareime logo, encantada da vida.

    E algo que tamén nos quedou sen comentar… o epílogo. De repente aí apareces ti, entre contos e hoax, para pechar o libro. Pareceume curioso que introduciras esa aclaración coma autor ao final baixo o título de “epílogo”, e non ao principio do libro -como prólogo-, ou coma nota final, ou na mesma solapa. O epílogo non me molestou en absoluto, pero non entendo que forme parte da novela, e entendo que os epílogos normalmente son parte dela. Como aclaración da túa intención probablemente ao final do libro é innecesaria, pero sempre é un pracer lerte, síntese coma unha achega final lector-escritor (que sempre agrada) e para min está ben como está. Es un tío moi cercano e agradable. A min caesme ben. Como lectora xa me metiches no teu peto, e penso que as túas opinións son moi sensatas.

    • Antes de nada, gustaríame dar algunha información con respecto a como se elaboran as portadas dos libros cando levan unha fotografía. O procedemento pode ser moi distinto, e tamén depende dos distintos autores e dos distintos fotógrafos. Ás veces, os autores/as dan unha idea, e a partir desa idea encárgaselle a foto a un fotógrafo. Evidentemente, o fotógrafo ten autonomía para levar a cabo o seu traballo, que é creativo. Logo envíaselle ao autor do libro e, se lle gusta, vai na portada e, se non lle gusta, búscase outra foto. Pero o autor/a e o fotógrafo/a non adoitan ter relación. Outras veces, mandáselle o libro ao fotógrafo, que o le, o interpreta, e logo idea e realiza, libremente, a foto en función do que leu. E mándaa á editorial. A súa utilización consensúase co autor/a. A miña vía, é dicir, a de traballar conxuntamente co fotógrafo non é usual. Eu fágoo con Manuel G. Vicente, autor desa foto, porque é amigo meu, porque fixemos moitos proxectos en común, porque viaxamos xuntos en moitas ocasións, porque publicamos libros xuntos (Territorio ocupado, A casa da duna, A araña e mais eu), e porque temos un nivel de confianza, amizade e compenetración moi grande. Ese tipo de relación é relativamente frecuente entre algúns autores/as de literatura infantil e algúns ilustradores/as.

      Evidentemente, non hai ningunha regra que obrigue a que a foto da cuberta teña que estar en relación co contido do libro. E non ten que estar, estou de acordo contigo. E, de feito, nos libros máis comerciais, explotan o perfil máis «vendible» das fotos ou do deseño. Pero a maioría dos escritores/as queremos que a imaxe da cuberta estea en relación co libro. É lóxico. Non se trata de despistar ao lector/a senón de orientalo/a, de facerlle algunha chiscadela, algunha suxerencia, porque débil que sexa. E, moito, que o autor/a se sinta identificado coa portada. O autorretrato que fixen de min mesmo co casco posto, evidentemente, non era para publicar porque é pésima. É unha foto que realicei para poder explicarlle o que quería ao fotógrafo.

      Para min, a foto da portada de «Ninguén» é unha metáfora perfecta. Síntome identificado con ela: aparece unha persoa, clonada (varias persoas iguais), falando por teléfono móbil, pero cun casco posto na cabeza. É dicir, está levando a cabo unha acción de comunicación mediatizada, difícil, complicada. O espazo no que se ubica esa persoa é un tunel (de aspecto moderno, como se fose nun corredor do metro; e fixádevos a importancia que ten en «Ninguén» a relación persoal co espazo) e, detrás dela, o sinal do metro indica a parada na que está: facebook.
      Eu vexo a cuberta cunha definición estética potentísima, cun perfil moi claro, metafórico e suxerente. E, contrariamente á túa percepción, creo que é moderna e, de feito, os materiais ou os elementos que aparecen na foto son contemporáneos. Outra cuestión é que, visual ou conceptualmente, non che guste. Sobre iso, evidentemente, non podo discrepar. Tamén entendo o que dis de que che parece escura: teño un amigo escritor que sempre quere cubertas con moita luz. A min, o da luz, francamente, depende do libro e da foto que sexa.
      En calquera casos, paréceme magnífico non só que deas a túa opinión senón que non che guste, e dígocho en serio, porque o criterio cultural confórmase coa concorrencia de todas as opinións que interveñen nel. E todos gañamos escoitando aos demais. Eu aprendo moito diso. Se non soubese escoitar só escribiría sobre min, que é o que menos fago. Tamén recoñezo que me chama moito a atención a diversidade de opinións; por exemplo, que haxa persoas ás que non lle gusta a portada de Ninguén pero lles gusta a de Males de cabeza, e viceversa, ás que lle gusta a portada de Ninguén pero non lles gusta a de Males de cabeza. A Anxo non lle gustou, por exemplo. Con todo, os libros non están suxeitos a ningunha imaxe concreta e, de feito, as imaxes de cuberta cámbianse con frecuencia. Eu, por exemplo, na 9ª edición de Poetízate, decidín cambiar a foto de portada para actualizar o libro e a que está agora gústame moitísmo máis que a anterior, que tamén a elixira eu. Tamén cambiei a portada de Cemiterio de elefantes, pero as dúas fotos (a primeira e a segunda) me gustan.
      A cuberta de «Contesta ou disparo» tamén é do mesmo fotógrafo. Este é o seu blog, por se queredes ver máis cousas del:
      http://manuelgvicente.blogspot.com

      Con respecto ao do epílogo, xa lle contestei antes a Lorenzo, pero vou ampliar a reflexión a partir do teu comentario. Os epílogos poden formar parte da ficción da novela ou non, exactamente igual que os prólogos, que ás veces forman parte da ficción pero, máis habitualmente, forman parte do discurso literario (non necesariamente do autor/a).
      Xa expliquei a importancia que eu lle dou ao discurso. Ben, se eu coloco o epílogo como prólogo (que pode parecer máis lóxico), estou condicionando a lectura da persoa que le, estou dándolle unha visión, miña, que pode predispoñela ante o que vai ler, que lle pode dar unha información que lle crea determinado tipo de expectativas. Se eu, en vez de no prólogo, dou esa información no epílogo:
      a) estou respectando a autonomía do lector para sacar as súas propias conclusións ao longo da lectura sen condicionalo previamente
      b) comunícome con el/ela pero fágoo unha vez que o seu proceso lector rematou, que xa tivo oportunidade de reflexionar, de establecer as súas propias relacións e de sacar as súas propias conclusións.
      O que está dentro do libro é o territorio do escritor/a. O que está fóra do libro (na cuberta) é o territorio do editor. Eu non podo asinar como miña unha información dese tipo na lapela, porque ese espazo non me corresponde, é o espazo desde o que o editor/a informa sobre o libro. O editor/a faino, claro, consensuadamente co autor/a, pero ese é o punto de vista da editorial.
      E non me queda máis que darche as grazas por ler «Contesta ou disparo» e por dicir que che interesan os meus libros!

      • Anxo di:

        Ola, estiven mirando o fotoblogue de Manuel G. Vicente e vexo moi boas fotos, xenial!!!!; quedoume pena de que non houbera unha sección con portadas ;-( ; pero valeu a pena a visita.
        Referente ao epílogo de Ninguen eu casi prefería que non o tivera, pero valoro positivamente a importancia que lle das á relación cos teus lectores. Estou de acordo contigo en que queda millor no epílogo que non no prólogo, respetando a autonomía do lector.
        Saúdos

  11. sentenced wheels di:

    Doutras cousas… e remato

    ben, xa comentei os dez relatos e os hoax intercalados entre entres. Só me queda falar do resultado global do libro. Xa dixen que en liñas xerais gustei moito del, aínda que se me fixo escaso. Evidentemente, nun libro de 10 historia, sempre hai algunha que pasa inadvertida, outra que non gusta, outra que desgusta, etc. pero non minto se digo que xa recomendei a súa lectura a unhas cantas persoas (cousa que é rarísimo que faga).

    Non comparto a idea xeral de que a vida urbana e as redes sociais deshumanizan ou despersonalizan. É máis, se hai uns anos, os vellos da aldea tivesen internet, seguirían indo a todos os puñeteros enterros.

    A Anxo e a Fran gustoulle moito a portada. A min me parece o peor do libro. Nunca se adiviñaría que o tema do libro é a incomunicación social ou a inadecuación ao medio. Máis semella ser unha versión do problema da anorexia por internet. Unha rapaciña cun caso atrapada entre tubos metálicos e co logo do feisbuc e dicindo “non son ninguén, ninguén”… non sei vós pero a min non me prarece que pegue co libro que acabo de ler.

    O epílogo: a conto de que? Explicar un libro unha vez lido é como se despois de comido e relambido un trozo de tarta vén túa nai e che di que leva fariña, ovos, royal, etc etc etc. O que máis apetece despois dun pedazo de tarta é unha copiña de porto!!!!

    Por último, xa. Agradecervos a todos os vosos comentarios e especialmente a Fran Alonso a paciencia que tivo que ter comigo. Dicirche, Fran, que sempre me gustou moito como escribes, aínda que as veces desenvolves as túas historias de maneira un pouco precipitada. Penso, e é opinión miña, que es mellor poeta que narrador. E iso que que es moi bo narrando.

    (bueno, as flores roubeinas de levar os vellos ó ultimo enterro)

    Seguirei lendo os premiso Xerais, e se algún día dou rematado algún, recoñecereino publicamente.

    bicos a todos

    • Pois ben, Lorenzo, Sentenced Wheels e Lourenço, comezarei dándovos as grazas aos tres por recomendar o meu libro. Eu coincido contigo (convosco) de que nun libro destas características algunhas historias che gustan máis ca outras. É inevitable. Ata a min me pasa cos meus propios libros!
      Sobre a foto de cuberta, non vou insistir máis porque xa dixen abondo na constestación a Laura.
      Con respecto ao da tarta, non coincido moito contigo. Vale, a min non me gusta nada o viño do Porto, pero si un chupito de licor café. Eu collería o chupito de licor café, loxicamente, pero, se de verdade me gustou moito a tarta, tamén preguntaría pola súa receita. Non deixaría fuxir esa oportunidade!
      E xa que falas de precipitación (que non sei se te refires exactamente a que algunhas historias son demasiado curtas ou escasas) é que eu comparto con algúns escritores a idea de que a literatura hoxe, en extensión, debe axeitarse tamén á nosa forma de vida. Os novelóns de 700 páxinas, salvo excepcións (que tamén hai bastantes e notables), a maioría das veces ou son de concepción decimonónica ou son best-seller de moito éxito dos que 10 anos despois ninguén se lembra. O meu compromiso, a miña fidelidade, é coa literatura e en relación co meu tempo. Podo facelo mellor ou peor; o resultado pode ser mellor ou peor, pero ese é o meu cometido.
      E nada máis que agradecerche, as túas opinións, os teus comentarios, as túas gabanzas e as túas críticas.

      

      

  12. sentenced wheels di:

    laura!!! te odio!!!!! acabas de pisarme a resposta á portada e ao epílogo! !!! Só que ti lle deches ao enter 13 minutos antes!!!!!

    • Laura di:

      Aaaaamigo… eiquí o que non corre voa 😉 Pásache por seres tan organizado nos teus comentarios. Chincha!

Deixa unha resposta a sentenced wheels Cancelar a resposta